4. O Imposto sobre o Valor Engadido
En 2019 os ingresos por IVE foron de 71.538 millóns, o que supuxo un crecemento do 1,9 %.
A evolución da recadación estivo enmarcada, como noutros casos, nunha tendencia xeral de desaceleración ao longo do ano. O comportamento do IVE bruto, que é mellor aproximación ao que acontece dentro do ano que o total do imposto, ilustra esta tendencia: na primeira metade o ano os ingresos brutos (sen os ingresos procedentes doutros períodos) aumentaban a taxas superiores ao 4 %e, porén, o crecemento final do ano foi do 3,6 %. A iso hai que engadir que as devolucións aumentaron de forma significativa, por riba do 8 %, o que limitou o avance da recadación.
O gasto final suxeito a IVE medrou un 3,4%, máis de punto e medio por debaixo do aumento rexistrado en 2018 (Cadro 4.1). A evolución a baíxaa foi consecuencia tanto da desaceleración xeral da economía como do moderado incremento dos prezos en 2019 (Gráfico 4.1).
Todos os compoñentes do gasto mostraron a mesma tendencia, aínda que foi máis acusada na venda de vivenda nova. O gasto en consumo dos fogares aumentou un 3,3%, case punto e medio por debaixo do crecemento rexistrado un ano antes. A pesar de que a ralentización do crecemento no consumo foi menor que a observada no gasto en vivenda, o feito de que este compoñente represente máis do 80 %do gasto total, fai que a súa incidencia na desaceleración do mesmo sexa moito maior, como se pode apreciar no Gráfico 4.2. O gasto en vivenda nova reduciuse máis de sete puntos, desde o 12% de 2018 ata o 4,9%. Tras rexistrar nos últimos tres anos un crecemento medio próximo ao 12 %, en 2019 produciuse unha notable desaceleración que se agudizou no segundo semestre, en liña co descenso sufrido polas transmisións de vivenda nova (Gráfico 4.3). A desaceleración no gasto das AA .PP. foi similar á dos fogares (3,6% fronte ao 4,9% de 2018), e do mesmo xeito que o ocorrido o ano anterior, a causa estivo no comportamento do gasto en investimento que en 2019 caeu ao 1,9 %desde o 11,9% de 2018.
O tipo efectivo do IVE mantivose practicamente invariable un ano máis, no medio do 15,3 %, sen sufrir cambios significativos desde as últimas subidas dos tipos xerais e reducido en setembro de 2012 (Cadro 4.1 e Gráfico 4.5). O único cambio normativo proveu da baixada do tipo nos cines, do xeral ao reducido, que entrou en vigor a mediados de 2018 (tras a aprobación do Orzamento) e, polo tanto, con impacto unicamente durante a primeira metade de 2019 e de moi baixa contía (-37 millóns, Cadro 1.5).
O IVE reportado no período medrou un 3,4%, ao igual, dada a estabilidade do tipo efectivo, que o gasto suxeito (Cadro 4.1). O IVE reportado neto (que se diferencia do anterior porque inclúe a variación do saldo que as empresas deixan a compensar dun ano a outro) medrou un pouco menos, un 3,3%.
Pola súa banda, o IVE reportado bruto medrou un 3,5% (Cadro 4.2), cunha desaceleración con respecto ao ano anterior de dous puntos e medio, igual á rexistrada polo IVE reportado no período, mantendose relativamente constante a relación IVE bruto / IVE reportado, situación en que permanece desde 2015, cando se produciu o último cambio relevante na xestión do imposto (a liquidación do IVE de Aduanas a través das autoliquidacións).
Analizando a evolución do IVE bruto polos seus compoñentes, obsérvase que tanto as declaracións mensuais (Grandes Empresas, grupos, outros operadores acollidos ao réxime de devolución mensual e IVE de importación), como as trimestrais medraron a ritmos similares en 2019: 3,5% as primeiras e 3,7% as segundas. Pero a ralentización do crecemento do IVE bruto foi máis intensa nas declaracións mensuais (un punto máis), acentuandose en ambos os dous casos no segundo semestre do ano (Gráfico 4.4).
As solicitudes de devolución medraron en 2019 un 4,2%, case tres puntos menos que o ano previo. Todo o incremento debeuse ás solicitudes de devolución mensual (máis relacionadas coas exportacións), que aumentaron de forma considerable no primeiro trimestre do ano, pechando cunha taxa do 6,1 %, valor similar ao do ano anterior. Porén, as solicitudes anuais (ligadas aos tipos reducidos aos que venden as empresas de menor tamaño), caeron un 2,3%, o que supón unha redución de case dez puntos con respecto ao incremento das solicitadas un ano antes (Cadro 4.2).
Unha vez superada a distorsión que supuxo a entrada en vigor do SII , a evolución dos ingresos brutos asemellouse á do imposto reportado (medrou un 3,6 %), pero o notable crecemento das devolucións realizadas fixo que os ingresos totais por IVE medrasen a un ritmo inferior (1,9 %).
O ano 2019 caracterizouse polo aumento das devolucións realizadas de IVE mensual: un 10,3%, motivado tanto polas devolucións correspondentes ao exercicio anterior (que medraron un 14 %) como ás do propio exercicio (8,3 %). En ambos os dous casos o avance debeuse ao maior importe de solicitudes unidas a un ritmo de realización superior ao acadado un ano antes. As devolucións anuais realizadas en 2019, porén, medraron a un ritmo menor (3,5% fronte ao 9,5% de 2018). Hai que lembrar que a maior parte destas devolucións corresponden ás solicitudes do exercicio 2018, cuxa presentación se produciu a final do mes de xaneiro de 2019. Aínda que o importe solicitado foi maior ao do ano anterior, o ritmo de realización foi inferior. Por último, tamén se incrementaron as devolucións por axustes forais (4,8 %), aínda que con menos intensidade que nos tres anos previos (cun aumento medio próximo ao 9 %).
En termos de caixa os ingresos brutos medraron un 3,6% en 2019, e, do mesmo xeito que no imposto reportado, o aumento foi algo superior nas declaracións trimestrais que nas mensuais (un 4% e un 3,3% respectivamente, Cadro 4.2), mostrando en ambos os dous casos unha pauta de desaceleración ao longo do ano.