Saltar ao contido principal
Exercicio 2019

Presentación

O obxectivo do Informe Anual de Recadación Tributaria é ofrecer información sobre o nivel e a evolución anual dos ingresos tributarios que xestiona a Axencia Tributaria (AEAT) por conta do Estado, as CCAA e as CC.LL. do Territorio de Réxime Fiscal Común.

O comportamento das series recadadoras non sempre é fácil de entender. As súas fortes variacións contrastan coa evolución máis parsimoniosa que mostran variables de síntese como poden ser o PIB ou o consumo. Hai, non obstante, razóns para que se produzan estas discrepancias; as modificacións normativas, os cambios na xestión dos impostos ou o impacto diferencial que ten a evolución económica sobre as distintas bases impoñibles son algunhas delas .

Por iso, e co fin de comprender axeitadamente o comportamento da recadación e a súa relación cos fluxos económicos, o Informe Anual de Recadación Tributaria utiliza un método de análise en que non só se analizan os ingresos tributarios en termos de caixa, senón que estes vincúlanse cos impostos reportados obtidos por agregamento das declaracións e estes, pola súa parte, cos tipos efectivos e as bases que declaran os contribuíntes. Así, o esquema de explicación en cada figura tributaria ten tres niveis:

  1. Análise da evolución da base impoñible e do tipo medio efectivo, nivel en que a fonte básica de información son as estatísticas anuais dispoñibles na web da AEAT.
  2. Análise da evolución dos impostos reportados, elaborados a partir das declaracións-autoliquidacións periódicas presentadas polos contribuíntes en cumprimento das súas obrigas fiscais.
  3. Análise da recadación en termos de caixa, detallando os elementos que puidesen influír nun comportamento distinto dos ingresos con respecto ás obrigas xeradas.

O esquema utilizado trata de cubrir todo o proceso de pagamento dos impostos: desde que se produce o feito impoñible que xera a obriga para o contribuínte ata que finalmente se liquida e ingresa o imposto. É preciso sinalar que, en xeral, a información sobre bases impoñibles e impostos reportados dos dous últimos anos ten carácter provisional.

Este método de análise é posibles grazas ao sistema informativo de que dispón a Axencia Tributaria, que permite elaborar para cada imposto series agregadas anuais e trimestrais de bases impoñibles, impostos reportados, tipos efectivos e recadación de caixa, todas construídas a partir dos microdatos proporcionados polos contribuíntes. Esta información agregada pode encontrarse na páxina web da Axencia Tributaria
(www.agenciatributaria.es ).

Por outra banda, esta mesma estrutura conceptual é a que serve de apoio á previsión orzamentaria dos ingresos tributarios. A súa estimación elabórase tomando como referencia o escenario económico previsto para o ano seguinte. Os crecementos das bases impoñibles axústanse de maneira que se adapten aos perfís de evolución que proxecta o escenario. A partir das bases impoñibles e de hipótese sobre o comportamento dos tipos efectivos, obtéñense os impostos reportados que, levados ao período do ingreso, dan lugar á recadación de caixa esperada.

O informe deste ano mantén a estrutura que se introduciu en 2018, cun texto breve cos principais feitos que caracterizaron a evolución dos ingresos en 2019 e con referencias aos cadros mediante ligazóns a un ficheiro externo que contén as series de datos desde 1995. Xunto a este ficheiro de cadros ponse a disposición dos usuarios dous ficheiros máis, un coa información relativa aos ingresos por Delegacións desde 2007 e outro coas series de dereitos recoñecidos desde 2004. Ademais, como é habitual nos informes mensuais, díspónse doutro ficheiro coas principais novidades normativas e as series de tipos legais dos distintos impostos.

O DIRECTOR DO SERVIZO DE ESTUDOS TRIBUTARIOS E ESTATÍSTICAS