Ingresos tributarios e a súa comparación co Orzamento
En 2021 recadáronse 1.277 millóns máis dos que se prevían nos Orzamentos de 2021 (Cadro 1.7 ). Esta desviación positiva foi consecuencia dun mellor comportamento en todas as grandes figuras, coa excepción dos Impostos Especiais. A maior recadación é máis salientable por canto se produciu nun contexto adverso por tres razóns: a previsión fixose baixo unhas hipótese de gasto superiores ás que se deron finalmente (a previsión para o gasto en consumo final nacional nos OXE-2021 era superior ao dato que se estima na actualidade); houbo menores ingresos por cambios normativos (algunhas medidas non chegaron a entrar en vigor); e arbitráronse medidas destinadas a reducir o custo da electricidade (a rebaixa do tipo no IVE e o Imposto Especial sobre a Electricidade e a supresión dun trimestre do Imposto sobre o Valor da Produción de Enerxía Eléctrica) que non estaban contempladas ao facer os OXE-2021.
No IRPF a desviación foi positiva por importe de 350 millóns, un 0,4% da recadación orzada. A mellora concentrouse, fundamentalmente, nos ingresos por retencións do traballo e actividades económicas e por ganancias patrimoniais en fondos de investimento. Parte destas desviacións positivas víronse compensadas cos menores ingresos na declaración anual, e nas retencións sobre o capital e sobre arrendamentos.
No Imposto sobre Sociedades os ingresos foron moi superiores aos previstos nos Orzamentos. A desviación foi de 4.907 millóns (un 22,6% da recadación prevista). A boa marcha dos pagamentos fraccionados, ademais cun par de operacións extraordinarias, e a sorpresa nas retencións por ganancias de fondos de investimento xustificaron os maiores ingresos.
No IVE a desviación positiva cífrase en 279 millóns, o que significa un desfasamento dun 0,4 %con respecto aos ingresos esperados nos OXE-21. A desviación é positiva a pesar da rebaixa non prevista do IVE da electricidade, que afectou negativamente á recadación dos últimos meses.
A recadación por Impostos Especiais quedou por debaixo do orzado en 2.080 millóns, un 9,5% menos do previsto. Un comportamento do consumo máis feble do contemplado no escenario macroeconómico previsto no momento da elaboración dos orzamentos é a razón principal do erro, ao que hai que engadir a redución do tipo no Imposto sobre a Electricidade aprobada en setembro de 2021.
A maior desviación negativa (-2.666 millóns) localizouse nos Outros impostos indirectos en que ían incluídas as novas figuras, tanto as que entraron en vigor como as que estaba previsto aprobar e finalmente non entraron en funcionamento. As primeiras son o Imposto sobre Transaccións Financeiras e o Imposto sobre Determinados Servizos Dixitais que, entre ambas as dúas, recadaron 1.356 millóns menos dos previstos (unhas reflexións ao respecto fanse na Nota Informativa 3 e na Nota Informativa 4). As segundas son o Imposto sobre Plásticos dun Só Uso e o Imposto sobre Residuos que non chegaron a entrar en vigor, pero que estaban contabilizadas nos OXE-21 cun importe de 1.341 millóns.