Os tipos efectivos
Estímase que o tipo medio efectivo sobre a renda e o gasto en 2021 foi do 15,3 %, cun incremento do 1,8 %con respecto a 2020 (Cadro 1.3 ). A estimación é provisional ata que se complete o ano 2021 coas declaracións anuais do IRPF e do Imposto sobre Sociedades, que se coñecerán, na súa maior parte, entre xuño e xullo. Coa información dispoñible, o tipo medio recuperou a tendencia alcista que seguía antes do ano 2020 (Gráfico 1.21) e acadou o nivel máximo que xa tivo en 2014, o ano anterior á última reforma de calado na imposición indirecta. Hai que lembrar que a tendencia crecente é consecuencia, fundamentalmente, do crecemento continuo que se produce no tipo efectivo sobre a renda dos fogares. En 2021 esa tendencia viuse ademais acentuada polo aumento do tipo efectivo sobre a base que se observou no Imposto sobre Sociedades. A diferenza do que aconteceu en 2020, en 2021 si se introduciron cambios normativos que afectaron os tipos (entre outros, a subida de tipos nas bases xerais e do aforro no IRPF para as rendas máis altas, a limitación á exención de rendas do exterior no Imposto sobre Sociedades, a subida de tipos no IVE para bebidas azucradas e edulcoradas e a rebaixa de tipos no IVE do consumo doméstico de electricidade e no Imposto Especial sobre a Electricidade), aínda que a súa importancia na variación dos tipos efectivos foi relativamente baixa. Pesaron máis outros efectos, consecuencia dos cambios que se produciran na composición das bases en 2020 (maiores prestacións por desemprego, menor gasto en servizos a tipos reducidos do IVE, …).
No IRPF o tipo efectivo subiu ata o 13,2%, un 3,2% máis que en 2020, ano en que practicamente se quedara igual que en 2019 (Cadro 2.1 ). O aumento tivo a súa orixe basicamente en tres elementos: os cambios normativos coa subida do tipo na base xeral e do aforro para as rendas máis altas (2 puntos na tarifa estatal a partir dos 300.000 euros no primeiro caso e 3 puntos desde os 200.000 euros no segundo) e a modificación dos límites nas reducións ligadas aos plans de pensións; o incremento do tipo das pensións (debido, sobre todo, ao habitual efecto escorregamento cara a pensións medias máis altas polos novos pensionistas que entran no sistema); e a perda de importancia en 2021 das prestacións por desemprego, con tipos medios case cero, e que en 2020 fixeran baixar o tipo efectivo. O aumento do tipo provocado por estes elementos viuse matizado porque ao longo do ano foi aumentado a achega nas rendas dos fogares dos salarios das pemes que, con menores tipos medios, fixeron presión a baíxaa sobre o tipo efectivo, o contrario do que acontecera o ano anterior.
O tipo efectivo sobre a base impoñible no Imposto sobre Sociedades foi en 2021 do 21,4 %, un 4% maior que o estimado para 2020 (Cadro 3.1 ). Se o tipo se calcula sobre os beneficios, o resultado é un tipo case igual ao do ano anterior (9,15% fronte ao 9,17% de 2020). A variación dos tipos é consecuencia case en exclusiva do distinto crecemento que se estima para bases e tipos nos diferentes grupos de empresas. O único cambio normativo de relevancia con impacto (a limitación ás exencións de rendas exteriores do artigo 21 da lei) elevou lixeiramente o tipo no grupo de empresas afectadas, aínda que a súa importancia no conxunto é menos significativo.
No IVE o tipo efectivo situouse no 15,3 %, un 0,1% inferior ao de 2020 e aproximadamente igual á media dos últimos seis anos (Cadros 1.3 e 4.1 ). En 2021 houbo cambios significativos no imposto co aumento do tipo do 10 %ao 21 %para as bebidas edulcoradas e azucradas, recollido nos Orzamentos para 2021, e a rebaixa desde o 21% ata o 10% do tipo aplicable, basicamente, ao consumo doméstico de electricidade, vixente desde finais de xuño, que se uniron a medidas herdadas dos RDL 15, 34 e 35 do ano pasado que regulaban o tipo 0 en produtos COVID e vacinas e o tipo superreducido das máscaras. Porén, todos estes cambios non se traduciron nunha variación do tipo agregado. Ademais, fóronse recuperando gastos con tipos reducidos (como son os de hostalaría e restauración), que se viron moi afectados polas limitacións á actividade en 2020, e na segunda parte do ano producíronse incrementos fortes nos prezos dalgúns produtos que van ao tipo xeral (como é o caso dos carburantes).
O tipo medio efectivo nos Impostos Especiais, calculado como a proporción do imposto reportado con respecto ao valor dos consumos, reduciuse un 10,6%, caendo ao seu nivel máis baixo desde 2014. Como se advirte en todos os informes, este tipo inclúese só para os efectos de completar a análise de bases, tipos e ingresos, pero non é o tipo que se aplica (en varias figuras a base confórmana os consumos físicos e sos en dous-tabaco e electricidade - ten importancia o valor). Ademais, en ausencia de modificacións normativas, este tipo efectivo móvese en sentido contrario ao dos prezos dos produtos enerxéticos, que son os que determinan o valor dos consumos. En 2019 e 2020 eses prezos diminuíron, o que levou a un crecemento do tipo, e en 2021 aumentaron con intensidade e iso desembocou no avultado descenso do mesmo.