Saltar ao contido principal
Memoria 2013

4.1.1. Cesión de información

A Axencia Tributaria cede información a outras Administracións públicas para que estas poidan exercer as funcións que teñen encomendadas e prestar ao cidadán da maneira máis eficiente os servizos públicos para os que son competentes. Esa cesión de información require, con carácter xeral, o previo consentimento do interesado.

A información tributaria así proporcionada a outros organismos públicos, ademais de aforrar aos cidadáns millóns de desprazamentos anuais para solicitar certificados tributarios e reducir os tempos de tramitación e os custos de xestión das Administracións, contribuíu a evitar e combater fraudes na obtención de prestacións sociais, subvencións ou axudas públicas.

Como consecuencia dos Convenios de cesión de información, a Axencia Tributaria subministrou, durante 2013, máis de 62 millóns de rexistros de IRPF (a metade aproximadamente  ao Ministerio de Sanidade) e preto de 4 millóns de certificados de estar ao corrente de obrigas tributarias.

Así mesmo, a Axencia Tributaria subministra información aos Xulgados, Tribunais ou membros do Ministerio Fiscal. A información facilítase polas Oficinas de Comunicación cos Tribunais das Delegacións da Axencia, segundo o ámbito territorial do órgano xudicial peticionario, ou polo Gabinete do director Xeral se son órganos xudiciais con competencia en todo o territorio nacional. En 2013 atendéronse 26.741 solicitudes de contribuíntes.

Por outra banda, o Convenio de colaboración entre o Consello Xeral do Poder Xudicial, o Ministerio de Xustiza e a Axencia Tributaria, permite aos órganos xudiciais acceder directamente ás bases de datos da Axencia Tributaria a través do Punto Neutro Xudicial. En 2013 realizáronse preto de 4,5 millóns de accesos directos ás aplicacións da Intranet, e máis de 5 millóns de accesos a través de servizos web.

No ano 2013, a Axencia Tributaria subscribiu un Convenio de colaboración co Consello Xeral da Avogacía Española para a cesión de información de carácter tributario nos procedementos de asistencia xurídica gratuíta. Neste período tamén subscribiu Convenios para a subministración de información para finalidades non tributarias coas Universidades das Palmas de Gran Canaria, Valladolid e La Laguna (Tenerife).