3.2.5. Evolución de ingresos por Impostos Especiais
Os ingresos por Impostos Especiais medraron, en 2014, un 0,2 por cento que se eleva ao 1,7 por cento corrixindo, fundamentalmente, as devolucións polo céntimo sanitario. O feito máis relevante foi o aumento dos ingresos polo Imposto sobre Labores do Tabaco (1,9 por cento) despois de tres anos con diminucións na recadación a pesar das sucesivas subidas de tipos e prezos. O maior consumo declarado de cigarros explica a mellora. O Imposto sobre Hidrocarburos caeu un 2,1 por cento, pero a cifra está afectada pola contabilización dentro desta figura das devolucións polo céntimo sanitario. Se se corrixe este efecto, os ingresos medrarían un 1,3 por cento. Canto á base do imposto, o consumo de gasolinas e gasóleo de automoción empezou a medrar nos primeiros meses de 2014 e foi mellorando segundo avanzaba o ano. Destaca, por último, a caída rexistrada no Imposto sobre a Electricidade (4,3 por cento) nun ano en que o consumo diminuíu máis moderadamente que en 2013.