3.2. Recadación tributaria líquida
A recadación tributaria líquida resulta de minorar a recadación tributaria bruta nas devolucións efectivamente pagadas no exercicio e os axustes cos territorios forais. Responde, así mesmo, a un criterio de caixa, a diferenza doutros conceptos como os dereitos recoñecidos ou os impostos para os efectos de Contabilidade Nacional.
No ano 2014, recadáronse 174.987 millóns de euros, o que supón un incremento dun 3,6 por cento con respecto a 2013 (6.140 millóns). En termos homoxéneos (é dicir, corrixindo, entre outros elementos, o distinto grao de execución das devolucións en 2013 e 2014), os ingresos rexistraron o mesmo crecemento, un 3,6 por cento.
Así mesmo, no Cadro nº 14 e no Gráfico nº 15 do Anexo, desenvólvese esta información.
Cadro nº 14. Recadación tributaria líquida total Gráfico nº 15. Evolución da recadación tributaria xestionada pola Axencia TributariaA diferenza de anos anteriores en que o protagonismo recaía nos ingresos derivados dos cambios normativos, en 2014, a causa principal do crecemento dos ingresos foi o aumento das bases impoñibles, tras seis anos consecutivos de caídas. A recuperación das bases comezou no segundo semestre de 2013 e consolidouse ao longo de 2014 grazas á mellora das rendas das familias e do consumo. No caso das rendas das familias, rexistráronse taxas positivas desde o segundo trimestre de 2014 como consecuencia da creación de emprego, do aumento das rendas dos empresarios individuais, do sostido crecemento da masa de pensións e do incremento das ganancias patrimoniais. En sentido negativo, destaca o mal comportamento das rendas do capital mobiliario.
Canto ao gasto, a melloría viuse reflectida nun forte aumento do gasto final suxeito a IVE e na paulatina recuperación do consumo enerxético, sobre todo o de gasolinas e gasóleo de automoción, aínda que neste caso a positiva evolución dos consumos físicos non se trasladase con igual intensidade á base impoñible agregada polo descenso dos prezos. Por último, a base impoñible do Imposto sobre Sociedades medrou por terceiro ano consecutivo, aínda que hai que lembrar que en 2012 e 2013 o crecemento produciuse fundamentalmente polas medidas normativas destinadas a ensanchar a base do imposto, mentres que en 2014 o aumento da base determinouno a positiva evolución dos beneficios.
Esta mellor evolución das bases impoñibles traduciuse nun incremento dos ingresos en todas as grandes figuras impositivas, coa única excepción do Imposto sobre Sociedades. O maior crecemento rexistrouse no IVE (8,2 por cento) vinculado ao aumento do gasto suxeito ao imposto e ás menores devolucións solicitadas, sobre todo as correspondentes ao exercicio 2013. Tamén as maiores devolucións explican os resultados doutros impostos como o de Sociedades (os ingresos brutos medraron un 1,9 por cento, pero o elevado volume de devolucións solicitadas e a axilización da súa realización fixeron que os ingresos netos descendesen), o de Hidrocarburos (a devolución do céntimo sanitario explica a diminución da recadación a pesar do aumento dos ingresos brutos nun 1 por cento) e o Imposto sobre a Renda de Non Residentes (en termos brutos medrou un 11,6 por cento, pero tan só un 0,2 por cento en termos netos).
No Gráfico nº 16. Evolución dos ingresos tributarios e da base impoñible agregada (Anexo), móstranse datos que completan a información.
Gráfico nº 16. Evolución dos ingresos tributarios e base impoñible agregada (Anexo)