4.4. Intercambio e cesión de información
A información obtida pola Axencia Tributaria no exercicio das súas funcións ten carácter reservado. O control da información en poder da Administración Tributaria constitúe unha esixencia constitucional derivada tanto do dereito fundamental á protección de datos como do deber de contribuír.
Agora ben, fronte ao carácter reservado dos datos con transcendencia tributaria e a súa necesaria afectación á efectiva aplicación dos tributos, a lei ampara a súa cesión a outras Administracións públicas así como a órganos xudiciais nos supostos e para as finalidades expresamente previstas.
Así, dentro do marco legal, a Axencia Tributaria subministra información esencial para a mellora na xestión e control dos procedementos de centos de organismos públicos, cuxa aplicación depende cada vez máis do compromiso da Axencia Tributaria co tratamento eficiente da información e a colaboración co resto de Administracións públicas.
Reciprocamente, algúns dos convenios de colaboración para a cesión de información que a Axencia Tributaria ten asinados con outras Administracións públicas, articulan tamén a recepción periódica de información valiosa para a mellora da aplicación efectiva do sistema tributario estatal e do aduaneiro.
Nesta materia, os avances tecnolóxicos están sendo esenciais, facilitando en gran medida o labor administrativo ao permitir a transferencia telemática de datos entre ordenadores, as cruces de ficheiros e a creación de rexistros informáticos en que se procesa e organiza a información.