2.5. Valoración da Axencia Tributaria polos cidadáns
Enquisas e estudos de opinión
O Instituto de Estudos Fiscais do Ministerio de Facenda e Función Pública levou a cabo o estudo demoscópico “Opinións e actitudes fiscais dos españois en 2015”. Este informe realízase anualmente e tamén é coñecido como “Barómetro Fiscal”.
O estudo realízase a partir dunha mostra de tres mil cidadáns, distribuídos en cinco segmentos (empresarios, agricultores, profesionais, asalariados e inactivos), seleccionados por cotas de hábitat, xénero e idade e utilizando a técnica de entrevista persoal, con aplicación dun cuestionario estruturado.
Segundo os últimos datos publicados (referidos ao ano 2015 e anteriores), a valoración que os españois fan dos servizos que presta a Axencia Tributaria mostra unha imaxe positiva da calidade dos mesmos, acadando unha cualificación, do mesmo xeito que en anos precedentes, de 2,9 (sobre 4).
Ademais, neste estudo analízase a opinión dos cidadáns respecto dos funcionarios da Axencia Tributaria, que obteñen a consideración de bos técnicos, imparciais no desempeño do seu labor e correctos no trato persoal.
Valoración dos servizos en campaña da renda polos contribuíntes
A Axencia Tributaria mediante a “Enquisa do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2015”, desenvolvida durante o ano 2016, sonda a opinión dos usuarios, mostrandose satisfeitos ou moi satisfeitos o 56,72 por cento dos contribuíntes que utilizaron esta páxina.
Os cinco servizos que os usuarios consideran de maior utilidade son: a presentación de declaracións; servizo de tramitación borrador/declaración (Renda WEB); a consulta do estado das devolucións; a comunicación de datos relativos ao IRPF de que dispón a Axencia Tributaria e, por último, a cita previa.
Queixas e suxestións. Consello para a Defensa do Contribuínte
O Consello para a Defensa do Contribuínte, órgano colexiado adscrito á Secretaría de Estado de Facenda, vela pola efectividade dos dereitos dos obrigados tributarios, atendendo as queixas que se producen pola aplicación do sistema tributario que realizan os órganos do Estado e efectúa as suxestións e propostas pertinentes na forma que regulamentariamente se determina. Réxese, no referente á súa competencia, composición e funcionamento, polas súas normas específicas.
Aparece, polo tanto, como garante dos dereitos dos cidadáns nas súas relacións tributarias, dando cabida a todos os sectores sociais relacionados co ámbito tributario, co fin de garantir un maior achegamento da Administración aos cidadáns.
A Axencia Tributaria presta apoio técnico e asistencia administrativa ao Consello, así como de formación e análise da información derivada das queixas a través da Unidade Operativa do Consello de Defensa do Contribuínte, integrado no Servizo de Auditoría Interna da Axencia Tributaria.
En 2016, presentáronse ante o Consello para a Defensa do Contribuínte 12.311 queixas e suxestións en relación a actuacións da Axencia Tributaria, un 13,10 por cento máis que no ano anterior. Non obstante, en 2015 caeron un 11 por cento, de maneira que estariamos practicamente nas cifras de 2014 (12.249). A comparación dos datos dos dous últimos exercicios ofrece as seguintes conclusións.
-
A materia con maiores incidencias é a de información e atención; en 2016 presentáronse 8.331 queixas e suxestións (un 67,67 por cento do total) e en 2015 presentáronse 7.615 (un 69,95 por cento do total).
-
Produciuse unha gran diminución das queixas e suxestións referidas a aplicación de normas; en 2016 presentáronse 245 queixas e suxestións (1,99 por cento do total) fronte ás 348 de 2015 (3,20 por cento do total).
No seguinte cadro do Anexo desenvólvense estes datos e a súa clasificación por materias, comparando os dous últimos exercicios. Así mesmo, a información de detalle pode consultarse na Memoria anual do Consello para a Defensa do Contribuínte , que recolle as cifras definitivas aprobadas no Pleno do Consello.
Cadro nº 11. Queixas e suxestións. Comparativa 2015-2016 (Anexo)