Saltar ao contido principal
Memoria 2016

3.2.1. Evolución de ingresos por Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas

Os ingresos por IRPF en 2016 mantivéronse practicamente ao mesmo nivel que en 2015 (0,1 por cento). Sen cambios normativos os ingresos por IRPF medrarían un 5,8 por cento. As retencións do traballo e actividades económicas rexistraron un crecemento modesto (0,8 por cento), que se eleva ao 4,8 por cento se se suma o custo neto dos cambios normativos, aumento similar ao que rexistrou a masa salarial e de pensións. Os pagamentos fraccionados, medraron un 12,9 por cento, aínda que uns 3,6 puntos débense á subida dos ingresos provocados polas novas esixencias para acollerse ao réxime simplificado e ao conseguinte paso de contribuíntes que antes estaban neste sistema á modalidade de estimación directa. Na parte negativa hai que sinalar o descenso dos ingresos por retencións de capital, fondos e arrendamentos (unha parte do que se debe tamén á reforma) e a existencia dunha cota diferencial máis negativa que o ano anterior (os ingresos por este concepto foron maiores, pero medraron aínda máis as devolucións).