Saltar ao contido principal
Memoria 2016

3.2.4. Evolución de ingresos por Impostos Especiais

Os ingresos por Impostos Especiais rexistraron un crecemento do 3,8 por cento en 2016. A maior parte do crecemento é consecuencia das menores devolucións que se realizaron polo denominado céntimo sanitario, que en 2016 reducíronse un 70%.

A figura con maior peso, o Imposto de Hidrocarburos, medrou (sen contar as devolucións do céntimo sanitario) un 2,7 por cento. É unha cifra inferior á de 2015, aínda que os principais produtos ligados á actividade e o consumo (gasolinas e gasóleo de automoción) tiveron un comportamento parecido ao do ano anterior. Pola contra, outros produtos dependentes ben da produción doutras enerxías (gas natural), ben das temperaturas (gasóleo de calefacción), experimentaron unha evolución negativa en 2016. No resto das figuras, o Imposto sobre Labores do Tabaco pechou o ano cun lixeiro crecemento producido polo adiantamento de compras por parte dos distribuidores en vésperas da subida de prezos de comezos de decembro. Sen este efecto, os ingresos serían practicamente os mesmos que en 2015. No Imposto da Electricidade o ano finalizou cunha significativa caída do 6,8 por cento provocada pola forte diminución dos prezos na maior parte do ano. Nos Impostos sobre Alcohol e Bebidas Derivadas e Cervexa, o crecemento foi moderado (en conxunto un 1,5 por cento). Finalmente, os ingresos no Imposto sobre o Carbón diminuíron un 25,8 por cento. O produto que se grava neste imposto é o carbón utilizado na xeración de enerxía eléctrica e os ingresos dependen, polo tanto, das decisións nese ámbito. Do mesmo xeito que aconteceu co gas natural, en 2016 a utilización destes produtos foi moito menos intensa que en 2015 e de aí a perda de ingresos.