Saltar ao contido principal
Memoria 2016

4.2.3. Campaña de Renda

A Axencia Tributaria intensificou os seus esforzos para facilitar o cumprimento das súas obrigas aos máis de 20 millóns de cidadáns obrigados a presentar declaración polo Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas correspondente ao ano 2015. Para iso, na Campaña de Renda desenvolvida en 2016 incrementáronse os recursos humanos e técnicos para satisfacer as demandas de asistencia e información, así como para a prestación dos servizos que se sinalan a continuación.

Renda WEB

A Campaña de IRPF 2015 caracterizouse pola xeneralización na utilización do novo programa Renda WEB, que une a simplicidade da aplicación do borrador e a xeneralidade do Programa PAI, permitindo engadir calquera dato ou renda, coa única excepción das rendas de actividades económicas. Os contribuíntes que percibiron rendas de actividades económicas son os únicos que recibiron, exclusivamente, os datos fiscais e que necesitaron utilizar o Programa PAI para confeccionar a súa declaración. Todos os demais puideron utilizar Renda WEB.

No ano 2016 (exercicio 2015), realizáronse un total de 9.743.469 declaracións a través deste programa.

No  seguinte  gráfico do Anexo móstranse as cifras máis relevantes:

Gráfico nº 36. Borrador declaración IRPF - Renda WEB (Anexo)

Servizo RENØ de obtención do borrador e datos fiscais por Internet

Como en anos anteriores, préstase o servizo RENØ de obtención do borrador e datos fiscais por Internet. Neste exercicio utilizárono 21.649.994 contribuíntes, o que supón, con respecto ao ano anterior, un incremento do 40,0 por cento.

Para a súa utilización, débese introducir na Sede electrónica o NIF do contribuínte, o seu primeiro apelido, o importe do recadro 440 da declaración do ano anterior ou, se é o caso, marcar o recadro que indica non habera presentado e, posteriormente, un número de teléfono móbil e o código dunha conta corrente se non se presentou declaración. Desta forma, o sistema envía automaticamente unha mensaxe ao móbil (SMS) co número de referencia do borrador e dos datos fiscais. Este número de referencia permite consultar, modificar e confirmar o borrador. Así mesmo, e se é o caso, permite transferir os datos fiscais ao Programa PAI para realizar a declaración.

Presentación de declaracións por Internet

Da cifra total de declaracións, máis de 15.917.000 presentáronse por Internet, unha vía de presentación que utilizaron 1.232.000 contribuíntes máis que na campaña anterior e case un 48% máis que na campaña de IRPF 2011, cando se comezaron a reforzar as medidas para potenciar a vía telemática como fórmula principal de presentación, axilizando os trámites dos contribuíntes e, se é o caso, as devolucións que correspondan.

No seguinte cadro do anexo ponse de manifesto os resultados obtidos:

Cadro nº 37. Renda 2015: Resultados obtidos (Anexo)

Consulta do estado de tramitación da devolución. VERIFICA

A Administración dispón dun prazo de seis meses desde o termo do prazo de presentación das declaracións, ou desde a data da presentación se a declaración foi presentada fóra de prazo, para practicar a liquidación provisional que confirme ou rectifice o importe da devolución solicitada polo contribuínte.

A emisión de devolucións dá comezo ás 48 horas do inicio da campaña de Renda. A consulta do estado de tramitación da devolución está dispoñible na páxina web da Axencia Tributaria e no servizo telefónico automático.

En 2016, o tempo medio de tramitación de devolucións afectadas por filtro na Campaña de Renda (exercicio 2015), foi de 97 días. Este tempo reduciuse a 9 días para as devolucións non afectadas por filtro.

Na segunda quincena de xullo de 2014, a Axencia Tributaria puxo en marcha a primeira fase de implantación dun novo procedemento en liña denominado VERIFICA, procedemento que segue funcionando xa de maneira definitiva durante 2016. No mesmo, recoméndase ao contribuínte que acceda ao seu expediente para a súa comprobación xa que o sistema VERIFICA permite axilizar as devolucións das declaracións de IRPF pendente.

Para acceder a VERIFICA, necesítase estar dado de alta no sistema Cl@ve PIN ou dispor de certificado electrónico, e unha vez dentro deste , mostrarase unha pantalla na que a Axencia Tributaria informa o contribuínte da existencia de incidencias na súa declaración e dunha posible minoración da súa devolución inicialmente solicitada.

Se o contribuínte segue avanzando no procedemento (que poderá interromper se prefire optar polo sistema de comprobación tradicional), concluirá coa notificación dunha proposta de liquidación coa devolución minorada.