3.2. Recadación tributaria líquida
A recadación tributaria líquida resulta de minorar da recadación tributaria bruta as devolucións efectivamente pagadas no exercicio e os axustes cos territorios forais. Responde, así mesmo, a un criterio de caixa, distinto doutros conceptos como os dereitos recoñecidos ou os impostos para os efectos de Contabilidade Nacional.
A recadación no ano 2018 acadou os 208.685 millóns de euros, cifra un 7,6 por cento superior á rexistrada en 2017. Sen o impacto de SII, o crecemento sería do 5,5 por cento.
Así mesmo, no Cadro nº 13. Recadación tributaria líquida total Nova xanela e no Gráfico nº 14. Evolución da recadación tributaria xestionada pola Axencia Tributaria Nova xanela, desenvólvese esta información.
A evolución das devolucións realizadas explica as diferenzas entre o crecemento dos ingresos netos e os brutos analizados no apartado anterior. En concreto, o resultado positivo da declaración anual neta do IRPF en 2018, débese non só ao forte avance dos ingresos, senón tamén ao inferior crecemento das devolucións, sendo esta a principal causa de que o incremento da recadación neta nesta figura supere nun punto o dos ingresos brutos. No imposto sobre Sociedades, o crecemento dos ingresos viuse freado polo aumento das devolucións, tanto as da declaración anual das campañas de 2016 e 2017, como as procedentes de liquidacións. Tamén no Imposto sobre a Renda de Non Residentes as elevadas devolucións da declaración anual minoraron o crecemento dos ingresos. O IVE (sen o impacto do SII) medra un 3,9 por cento, un punto menos que os ingresos brutos, polo elevado volume de devolucións realizadas e polos axustes cos territorios forais. Por último, nos impostos especiais o crecemento dos ingresos netos superou ao dos brutos polas menores devolucións realizadas aos territorios forais.
Os cambios normativos tiveron un impacto positivo sobre a recadación estimado en 3.746 millóns. A maior parte procede do efecto sinalado do SII. Sen el, o impacto pasaría a ser negativo por valor de 435 millóns e restaría ao crecemento dos ingresos algo máis dunha décima.
O SII introduciuse en xullo do ano pasado e supuxo un desprazamento de ingresos de 2017 a 2018 valorado en 4.150 millóns. A causa deste desprazamento era o atraso na data límite para a presentación das autoliquidacións, que pasou do día 20 do mes seguinte ao de devindicación ao día 30, co que, a efectos contables, o ingreso desprazouse un mes. En principio, o impacto en 2018 debería ser esa mesma cifra (4.150 millóns), pero con signo positivo. Porén, a cifra é inferior debido aos cambios no comportamento dos contribuíntes que se foron producindo ao longo do ano. Desde o comezo do novo sistema, observouse que, a pesar do atraso na data de ingreso, algúns contribuíntes continuaron presentando as súas declaracións o día 20. Os ingresos deses contribuíntes non se desprazaron de 2017 a 2018. Agora ben, o número deses contribuíntes e o importe dos seus ingresos foi diminuíndo ao longo do ano; é dicir, cada vez hai unha maior parte do ingreso que se produce o día 30 do mes. Ao comparar co ano anterior, iso significa que, en 2018, aínda que se ingresaran os 4.150 millóns desprazados de 2017, pola súa parte houbo un novo desprazamento (menor) a 2019 provocado polos contribuíntes que se foron movendo da presentación o día 20 á presentación o día 30. Isto é o que explica que o impacto sexa lixeiramente inferior ao rexistrado en 2017.
Sen incluír o SII, o impacto das medidas restantes é negativo por valor de 435 millóns. A maior parte (-263 millóns) corresponde á modificación da redución por rendementos do traballo que afecta especialmente ás rendas baixas (sobre todo pensións) e que entrou en vigor canda os Orzamentos de 2018. Nos devanditos orzamentos tamén figuraban outros cambios normativos, cun impacto menor en 2018, como son: a rebaixa do tipo de IVE nos cines (-16 millóns, polos catro meses e un trimestre de aplicación), as novas deducións familiares (-4 millóns) e a elevación do mínimo exento no gravame de lotarías (-5 millóns). Outras medidas tamén empezaron a ter efecto en 2018. Entre elas destaca a devolución do imposto pago polas prestacións por maternidade e paternidade, rendas que foron declaradas exentas na sentenza 1462/2018 do Tribunal Supremo, con data do 3 de outubro de 2018. A devolución afecta aos exercicios 2014, 2015, 2016 e 2017 e comezou a pagarse (94 millóns) nos últimos meses de 2018. Outras dúas medidas tamén con entrada en vigor en 2018 foron a subida do tipo no Canon polo aproveitamento de augas continentais (7 millóns), e a eliminación do Imposto sobre Hidrocarburos para algúns produtos utilizados na xeración de enerxía eléctrica (-5 millóns) que se contempla, canda outras modificacións que terán repercusión nos ingresos de 2019, no RDL 15/2018 de medidas urxentes para a transición enerxética e a protección dos consumidores.
As principais cifras ofrécense no Cadro nº 15. Axustes por impacto de cambios normativos Nova xanela.