2.5. Valoración da Axencia Tributaria polos cidadáns
Enquisas e estudos de opinión
O Instituto de Estudos Fiscais do Ministerio de Facenda levou a cabo en 2019 o estudo demoscópico “Opinións e actitudes fiscais dos españois en 2018”. Este informe realízase anualmente e tamén é coñecido como “Barómetro Fiscal”.
O estudo realízase a partir dunha mostra de tres mil cidadáns, distribuídos en cinco segmentos (empresarios, agricultores, profesionais, asalariados e inactivos), seleccionados por cotas de hábitat, xénero e idade e utilizando a técnica de entrevista persoal, con aplicación dun cuestionario estruturado.
A comparación das valoracións obtidas en 2019 coas de anos anteriores (escala sobre 4) mostra que a imaxe positiva dos servizos da Axencia Tributaria está consolidada entre os cidadáns, tras haberse acadado este ano a segunda valoración máis alta da serie, un 3.
Ademais, neste estudo analízase a opinión dos cidadáns respecto dos funcionarios da Axencia Tributaria, que obteñen a consideración de bos técnicos, imparciais no desempeño do seu labor e correctos no trato persoal.
Valoración dos servizos en campaña da renda polos contribuíntes
A Axencia Tributaria mediante a “Enquisa do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas 2019” desenvolvida durante o ano 2020 sonda a opinión dos usuarios, sobre os servizos ofrecidos.
Os cinco servizos que os usuarios manifestan nas enquisas utilizar son: o servizo APP Axencia Tributaria para acceder a datos fiscais e / ou presentación da declaración; o servizo de tramitación da declaración (Renda WEB); o servizo RENO para obter o número de referencia; o servizo de Cl@ve PIN; e, por último, o servizo de CITA PREVIA.
En concreto, con respecto ao nivel de satisfacción dos usuarios coa presentación telemática da declaración da Renda 2019, os contribuíntes que manifestan sentirse satisfeitos, bastantes satisfeitos ou moi satisfeitos con respecto á mesma supoñen un 72,72 por cento de que dixeron utilizar este servizo.
Queixas e suxestións. Consello para a Defensa do Contribuínte
O Consello para a Defensa do Contribuínte, órgano colexiado adscrito á Secretaría de Estado de Facenda, vela pola efectividade dos dereitos dos obrigados tributarios, atendendo as queixas que se producen pola aplicación do sistema tributario que realizan os órganos do Estado e efectúa as suxestións e propostas pertinentes na forma que regulamentariamente se determina. Réxese, no referente á súa competencia, composición e funcionamento, polas súas normas específicas.
Aparece como garante dos dereitos dos cidadáns nas súas relacións tributarias, dando cabida a todos os sectores sociais relacionados co ámbito tributario, co fin de garantir un maior achegamento da Administración aos cidadáns.
A Axencia Tributaria presta apoio técnico e asistencia administrativa ao Consello, así como de formación e análise da información derivada das queixas a través da Unidade Operativa do Consello para a Defensa do Contribuínte, integrada no Servizo de Auditoría Interna e coordinada polo seu director.
En 2020 e en relación a actuacións da Axencia Tributaria presentáronse ante o Consello para a Defensa do Contribuínte un total de 8.245 queixas e suxestións (8.003 queixas e 242 suxestións), un 4,27 por cento menos que no ano anterior.
No Cadro nº 11. Queixas e suxestións. Principais rúbricas 2020 Nova xanela do Anexo, recóllense as principais rúbricas en que se agrupan os motivos das queixas e suxestións para 2020. Así mesmo, a información de detalle pode consultarse na Memoria anual do Consello para a Defensa do Contribuínte , que recolle as cifras definitivas aprobadas no Pleno do Consello.