Saltar ao contido principal
Memoria 2020

3.2.1. Evolución de ingresos por Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas

Os ingresos por IRPF medraron en 2020 un 1,2 por cento. Tendo en conta o medio tan desfavorable, o dato seguiría sendo positivo mesmo se se resta o impacto positivo dos cambios normativos e de xestión (sen eles, os ingresos serían aproximadamente os mesmos que en 2019). A razón principal deste bo comportamento do imposto foi o efecto que tivo sobre os ingresos o elevado crecemento das rendas de orixe pública (salarios e pensións) ao que se suma a comparación co ano 2019 en que se realizou a maior parte das devolucións que se derivaron da sentenza que declarou exentas as prestacións de maternidade.

Os ingresos por retencións sobre rendementos do traballo e actividades económicas medraron un 1,5 por cento. Como se dixo, a evolución foi moi distinta no sector público e no sector privado, afectado este de cheo pola situación económica.

Os ingresos por retencións no sector privado diminuíron un 0,8 por cento. Nesta cifra inclúense os importes procedentes de adiamentos concedidos nos primeiros meses da pandemia e que se foron recuperando ao longo do ano. A caída non é grande en comparación coa que se observou na actividade, o que se explica por dous motivos. O primeiro foron os ERTE que suavizaron o impacto sobre o emprego. Grazas aos ERTE os traballadores mantivéronse nas empresas, aínda que parte dos seus salarios pasáseos a pagar o Servizo Público de Emprego (SEPE). En termos de retencións, isto supuxo unha redución de ingresos (o tipo de retención aplicado sobre a parte de salario sufragado polo SEPE foi practicamente cero), pero menor que a que significase a desaparición deses postos de traballo. O segundo motivo ten que ver coa reestruturación do emprego que comportou a recesión económica provocada pola pandemia, con maior incidencia en sectores, como a hostalaría e a restauración, con niveis salariais e tipos de retención baixa. A consecuencia foi que o tipo efectivo de retención no sector privado aumentou. Precisamente este distinto impacto da crise nos diferentes sectores produtivos axuda a explicar a disparidade entre o lixeiro incremento dos ingresos por retencións que se rexistrou nas Grandes Empresas (0,8 por cento) e o retroceso do 4,1 por cento que se observou nas pemes (incluído o resto de ingresos que recolle os adiamentos concedidos e finalmente ingresados).

Nas AA . PP. os ingresos por retencións aumentaron un 7 por cento. O comportamento foi similar ao que viñan tendo estes ingresos en 2019 (o crecemento entón foi do 6,5 por cento) e isto pódese dicir tanto para os salarios coma para as pensións. No primeiro caso produciuse un repunte na última parte do ano polo incremento das contratacións en sanidade e educación, e polo pagamento do terceiro tramo da regularización retributiva nos corpos de seguridade. O crecemento final de 2020 das retencións por salarios foi superior ao 7 por cento, cun aumento por riba do 5 por cento na masa salarial e o resto debido á subida do tipo medio. Nas pensións as retencións medraron preto do 6,5 por cento, subida similar á de 2019, aínda que cunha distribución distinta: a pensión media subiu menos (en 2020 non houbo os incrementos que se produciron en 2018 e 2019) e o tipo efectivo moito máis (3,5 por cento fronte a un 2019 en que apenas medrou porque as pensións máis baixas beneficiáronse de maiores subidas), compensando incluso o menor crecemento no número de pensionistas (0,5 por cento, 1,2 por cento en 2019).

A declaración anual, non afectada polo COVID ao tratarse da liquidación do exercicio 2019, tamén achegou ao crecemento do imposto. En concreto, os resultados netos da declaración anual aumentaron en 1.366 millóns, aínda que máis de 1.100 debéronse ás maiores devolucións extraordinarias pola prestación de maternidade feitas en 2019. En calquera caso, a campaña foi positiva, cun aumento dos ingresos brutos do 5,1 por cento a pesar de que as rendas que normalmente están detrás destes ingresos (empresariais e ganancias patrimoniais non suxeitas a retencións nin pagamentos fraccionados) non aumentaron substancialmente en 2019 (como se lembrará, en 2018 acadaran un nivel moi elevado, sobre todo as ganancias). En relación ás devolucións de campaña, o crecemento foi do 2,8 por cento e mantivose un ritmo de realización similar ás campañas dos últimos anos.

No resto de ingresos do imposto só melloraron con respecto ao ano anterior as retencións por ganancias en fondos de investimento. O ano comezou con fortes crecementos que se truncaron nos primeiros meses do estado de alarma; tras o verán, retomouse a tendencia previa ata acabar o ano con incrementos superiores ao 50 por cento. No conxunto do ano o aumento dos ingresos foi do 11,6 por cento. Noutros conceptos a situación foi a contraria. As retencións por rendas de capital mobiliaria diminuíron un 20 por cento, con taxas negativas desde marzo. A contracción nos dividendos empezouse a notar pronto e en particular nas maiores empresas (algo que se trasladou tamén ao Imposto sobre a Renda de Non Residentes). As caídas observadas nas retencións por arrendamentos (-7,4 por cento) e nos pagamentos fraccionados (-10 por cento) responderon á debilidade da actividade, aínda que no último caso tamén á redución de ingresos inducidos polas medidas aprobadas en favor das pequenas empresas.

Evolución de ingresos por Imposto sobre Sociedades

Os ingresos do Imposto sobre Sociedades diminuíron no ano 2020 un 33,2 por cento. Esta caída dos ingresos non dá unha boa medida da evolución dos beneficios. Boa parte da mesma débese á realización de devolucións do exercicio 2018. Non obstante, o impacto dese desprazamento viuse amortecido pola existencia de ingresos extraordinarios por sentenzas e pola comparación co ano 2019 en que houbo devolucións tamén por este motivo e polos aboamentos dos DTA a algunhas empresas. Se se corrixen todos estes elementos, os ingresos caerían 10 puntos menos, arredor do 23 por cento. Esta taxa está en consonancia co comportamento dos pagamentos fraccionados, que son o compoñente máis importante do imposto, o máis ligado aos resultados das empresas no ano e que en 2020 diminuíron un 27,1 por cento.

Os pagamentos fraccionados reflectiron a interrupción da actividade desde o primeiro momento (a caída do primeiro pagamento débese á segunda quincena de marzo, os primeiros días con confinamento estrito). As perdas foron máis intensas nas Grandes Empresas e grupos, e dentro deste colectivo, nos grupos consolidados, os máis importantes dos que tributaron en 2019 na modalidade de pagamento mínimo. A información dispoñible sobre os resultados nas Grandes Empresas e grupos indica que os beneficios caeron en 2020 un 34,5 por cento (-44 por cento nos grupos) e a base impoñible un 22,5 por cento (-31,5 por cento nos grupos). Canto ás pemes, que na súa maioría declaran, non polos beneficios de período, senón pola última cota anual presentada, os seus pagamentos diminuíron un 7,6 por cento. A pesar de que estes pagamentos, pola súa forma de cálculo, adoitan responder con atraso á situación económica das empresas, en 2020 a intensidade da caída da actividade fixo que os resultados fosen máis negativos do esperado, en particular no segundo pagamento debido ao forte descenso nos pagamentos de pemes que se calculan segundo o beneficio (arredor dun terzo do total). A isto hai que sumar o impacto das medidas adoptadas en beneficio das pemes, tamén concentrado especialmente nese segundo pagamento, e a redución no número de contribuíntes.

No resto dos ingresos do imposto só rexistrouse crecemento, como se viu no IRPF, nas retencións procedentes de ganancias en fondos de investimento. Nas outras retencións (capital mobiliaria e arrendamentos) o comportamento foi similar ao comentado no IRPF, e na declaración anual (correspondente a 2019) os ingresos diminuíron lixeiramente (-1,2 por cento).