Saltar ao contido principal
Memoria 2021

3.2.1. Evolución de ingresos por Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas

Os ingresos por IRPF medraron en 2021 un 7,5 por cento. Hai que lembrar que este imposto medrou tamén en 2020 (1,2 por cento) grazas, sobre todo, aos salarios públicos, ás pensións, ás políticas de sostemento de rendas (prestacións por desemprego, transferencias por ERTE, axudas os autónomos) e ás medidas fiscais de apoio ás pemes. É por este crecemento en 2020, ao que se engade o deste ano, que a cifra de ingresos en 2021 é un 8,8% superior á de 2019 e é o crecemento deste imposto o que explica a maior parte do aumento da recadación total con respecto a aquel ano.

O crecemento en 2021 baseouse en catro elementos: o aumento das retencións do traballo (en particular das pemes), a diminución das devolucións (incluída a Asignación á Igrexa Católica, cuxa liquidación de 2019 adiantouse a decembro de 2020), o crecemento dos pagamentos fraccionados das empresas persoais e o excepcional incremento das retencións sobre as ganancias patrimoniais en fondos de investimento.

En 2021 os ingresos por retencións sobre rendementos do traballo e actividades económicas medraron un 6,1% (7,7% con respecto a 2019). O aumento foi parello no sector privado e no público (7% e 6,8% respectivamente), aínda que hai que ter en conta que nas Administracións Públicas o ano pasado foi tamén de crecemento e que parte das retencións do sector privado en 2020 contabilizáronse no resto de ingresos ao estar afectados polos adiamentos propiciados polas medidas fiscais para paliar a situación de falta de actividade das empresas (se se suman eses importes en 2020 o incremento no sector privado reduciríase un punto e medio).

Dentro do sector privado o maior crecemento observouse nas pemes cuxos ingresos por retencións medraron un 14,7% fronte ao 3,6% das Grandes Empresas. Estas últimas non chegaron a caer en 2020 pola existencia dalgúns ingresos extraordinarios e iso fixo que en 2021 a taxa non fóra moi elevada. En calquera caso, en comparación con 2019, as pemes tamén recuperaron a súa posición con máis intensidade que as Grandes Empresas (+5,4% nas primeiras, +4,4% nas segundas). Nesta comparación con 2019 hai que introducir o factor do cambio sectorial que se produciu nos dous últimos anos, reducindose a importancia de actividades con salarios e tipos efectivos máis pequenos que a media. Este factor supuxo un crecemento do tipo de retención e, en consecuencia, que as retencións superen o nivel de fai dous anos, malia que a masa salarial do sector privado non acadase aínda as cifras de 2019.

Nos ingresos por retencións das Administracións Públicas, os procedentes de salarios medraron un 6,6% e os de pensións un 7,2 %; no primeiro caso por debaixo de 2020 e, no segundo, ao contrario. Nos salarios o ano comezou cun ritmo de crecemento alto, similar ao que se observara despois do verán de 2020 como consecuencia das contratacións en sanidade e educación. Este impacto (e outro similar derivado da regularización retributiva dos corpos de seguridade) foise esfumando segundo transcorrían os meses e, agás algún incremento ocasional, a tendencia foi de moderación. A diferenza de 2020, en que o crecemento se produciu a pesar da caída do emprego nas Corporacións Locais e na Administración Central, en 2021 o resultado final do ano debeuse, sobre todo, precisamente ao aumento do emprego, que ademais fixo que se moderasen as subidas salariais e o tipo efectivo. Nas pensións, en cambio, a pauta foi de relativa estabilidade ao longo do ano, con aumentos no medio do 7,1 %desde marzo, distribuídos de maneira equilibrada entre o incremento da masa de pensións e do tipo.

O segundo elemento que permitiu o avance dos ingresos foi a diminución das devolucións realizadas. Como se tratará no seguinte apartado, as devolucións ligadas á declaración anual diminuíron un 4,6%. A isto súmase o feito de que tamén estivo fóra do patrón normal a forma en que se realizou a liquidación anual da Asignación á Igrexa Católica. Esa liquidación adoítase facer en xaneiro polos saldos pendentes da declaración de dous anos antes. Porén, a correspondente a 2019, que se debería pagar en xaneiro de 2021, adiantouse a decembro de 2020. A consecuencia foi que en 2021 os importes por este concepto foron menores que os de 2020 e, polo tanto, o seu impacto negativo sobre os ingresos tamén.

En liña co comentado noutros lugares deste informe, os elevados crecementos nas pemes tamén se reflectiron nun notable incremento dos pagamentos fraccionados das empresas persoais: un 17,4% con respecto a 2020 e un 5,7% por riba de 2019. Os pagamentos estiveron afectados por varias medidas normativas en 2020 e 2021 (véxase o Cadro de impactos), aínda que a de maior impacto (o aumento da redución xeral aprobada a finais de 2020) tivo efecto na declaración anual (de feito, o descenso dos ingresos nesta foi practicamente do mesmo importe que o impacto estimado da devandita medida).

O último elemento a destacar en 2021 foi o excepcional crecemento das retencións derivadas das ganancias patrimoniais en fondos de investimento. En 2020 non tiveran malos resultados (foron as únicas retencións sobre rendas do capital que non caeron, incluso subiron preto dun 12 %), pero en 2021 o seu incremento foi extraordinario: un 86,2%. Nunca antes se acadara un nivel como o de 2021 (1.052 millóns). Ata non coñecer o detalle das operacións realizadas (só díspónse do dato agregado declarado por cada entidade) non se pode saber cales foron as razóns deste peculiar comportamento. Nas outras retencións sobre o capital, a situación non foi tan favorable. Nas retencións sobre rendas do capital mobiliario rexistrouse un crecemento do 7,4 %, insuficiente para compensar a forte caída de 2020 (-20 %), de maneira que os ingresos seguen máis dun 14 %por debaixo dos obtidos en 2019. E algo parecido pódese dicir das retencións por arrendamentos; en 2021 situáronse practicamente ao nivel de 2020 e, polo tanto, os seus ingresos mantéñense afastados dos de 2019 (-7,6 %).

Evolución de ingresos por Imposto sobre Sociedades

Os ingresos do Imposto sobre Sociedades aumentaron no ano 2021 un 67,9%. Este é un dos casos en que a taxa de 2021 pode non dar unha idea correcta do que foi o ano, ao compararse cun 2020 en que a caída foi moi avultada e non toda ela por razóns económicas (lembrese que, do 33,2 %de descenso, arredor de 10 puntos explicábanse pola xestión das devolucións). Por iso, é mellor facer as comparacións con 2019. En tal caso conclúese que a recadación de 2021 foi un 12,2% máis alta que a dese ano. Hai que ter en conta tamén que en 2021 producíronse un par de operacións societarias que achegaron uns 2000 millóns de ingresos adicionais non ligados á evolución normal dos beneficios. En calquera caso, incluso sen contar estes atípicos, a recadación continuaría sendo superior á de dous anos antes (+3,8%).

A maior parte do crecemento do imposto en 2021 explícase pola evolución dos pagamentos fraccionados. Os pagamentos aumentaron en 2021 un 53,4% (-26,9% en 2020). A cifra final de pagamentos é un 12,1% maior que en 2019 (+3,1% se se teñen en conta os atípicos comentados). O perfil no ano é o reflexo do que aconteceu en 2020, en que as semanas iniciais de confinamento tiveron un forte impacto no primeiro pagamento e o segundo recolleu a maior parte da interrupción da actividade. De aí os fortes crecementos do primeiro e segundo pagamento en 2021 e o máis moderado do terceiro. O crecemento da base impoñible, que é o que está detrás do comportamento dos pagamentos, foi algo menor nas Grandes Empresas e grupos, un 36,9%. A diferenza co incremento dos pagamentos débese ao maior peso dentro dos ingresos do pagamento mínimo (que se calcula sobre o resultado contable e non sobre a base) como consecuencia do forte aumento dos beneficios (73,9%, 54,9% se se restan as dúas operacións mencionadas).

Por tipo de contribuínte, os maiores incrementos observáronse nos grupos (incluso sen extraordinarios) que case duplicaron os ingresos de 2020, aínda que tamén foron os que maior caída rexistraron entón. En comparación con 2019 e depurados, os pagamentos serían un 3,4% maiores que os daquel ano. Os seus beneficios aumentaron máis do dobre (110,1 %), aínda que sen as operacións extraordinarias medrarían un 74,4% e estarían á altura dos de 2019. Nas Grandes Empresas os pagamentos medraron un 22,3% (+4,7% máis que en 2019), aproximadamente o mesmo que a súa base impoñible e uns 10 puntos menos que os beneficios, que foron ademais algo superiores aos de 2019. Nas pemes o crecemento foi do 9,2 %. Hai que lembrar que parte deses pagamentos non están vinculados aos beneficios, senón que se calculan coa cota do ano anterior, neste caso do 2020 e, por iso, apenas medraron (neste grupo subiron no primeiro pagamento, pero diminuíron a partir do segundo cando se empezaron a calcular coa declaración de 2020 presentada en xullo). No resto das pemes, as que pagan de acordo ao beneficio do período, os pagamentos aumentaron preto do 40 %.

Outra parte do crecemento do imposto foi consecuencia das menores devolucións realizadas como se porá de manifesto no apartado de devolucións. Este efecto positivo da diminución das devolucións viuse compensado lixeiramente polos ingresos brutos da declaración anual que, ao tratarse do exercicio 2020, mostraron un descenso do 6,7 %.