Saltar ao contido principal
Memoria 2021

4.1.5. Plan de asistencia a persoas con discapacidade

A Axencia Tributaria ten subscrito, desde o ano 2004, un Convenio de colaboración co Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI) e coa Fundación ONCE. No marco deste Convenio apróbase, de acordo coas devanditas entidades, un Plan Anual de Asistencia ás Persoas con Discapacidade no ámbito da Axencia Tributaria. No devandito plan inclúense actuacións de información e asistencia, accesibilidade na web e nas oficinas, accións de formación tendente a sensibilizar os funcionarios da Axencia Tributaria coas necesidades deste colectivo, etc. Durante 2021, cumpríronse, practicamente, a totalidade das previsións incluídas no Plan Anual.

Ademais, no ano 2021 continuouse atendendo a demanda de información estatística das Asociacións asinantes do Convenio, coa publicación estatística referida aos  datos de IRPF 2020 do conxunto de persoas con discapacidade. O compromiso da Axencia Tributaria, en relación con este colectivo, é manter esta publicación en períodos sucesivos, incrementando a serie de publicacións estatísticas por impostos cuxo contido está accesible na páxina web da Axencia Tributaria.

No  Cadro nº 29. Accesibilidade aos edificios da Axencia Tributaria  (Anexo) móstrase a situación durante o exercicio 2021.

Contabilizáronse unicamente os inmobles que figuran nos anexos I (Delegacións Especiais e Delegacións da Axencia Tributaria) e anexo II (Administracións da Axencia Tributaria) da Resolución do 13 de xaneiro de 2021, da Presidencia da Axencia Tributaria, pola que se establece a estrutura e organización territorial da Axencia Tributaria (BOE do 14 de xaneiro).

A accesibilidade acada ao 99,2 %dos edificios (92,4% en entrada principal, máis o 6,8% en entrada alternativa). Os edificios con aseos adaptados representan un 78,1% do total. No referente a ascensores, convén aclarar que hai 48 inmobles cuxas actividades se desenvolven nunha única planta, e polo tanto non resulta necesario dispor de ascensor.