10.15.2. Por nacemento ou adopción múltiple
Por nacemento ou adopción múltiple, durante o período impositivo, como consecuencia de parto múltiple ou de dous ou máis adopcións constituídas na mesma data, aplicarase unha dedución de 224 euros, sempre que os fillos cumpran, pola súa parte, os demais requisitos que dean dereito á aplicación do correspondente mínimo por descendentes establecidos pola normativa estatal reguladora do imposto e que a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro do contribuínte non sexa superior a 25.000 euros en tributación individual ou a 40.000 en tributación conxunta.
LIMITE DA DEDUCIÓN
O importe íntegro da dedución soa será aplicable aos contribuíntes cuxa suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro sexa inferior a 23.000 euros en tributación individual, ou inferior a 37.000 euros, en tributación conxunta.
Cando a suma da base liquidable xeral e da base liquidable do aforro estea comprendida entre 23.000 e 25.000 euros en tributación individual, ou entre 37.000 e 40.000 euros en tributación conxunta, os importes e límites de dedución serán os seguintes:
-
En tributación individual, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 2000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 23.000)
-
En tributación conxunta, o resultado de multiplicar o importe ou límite de dedución por unha porcentaxe obtida da aplicación da seguinte fórmula: 100 X (1 – o coeficiente resultante de dividir por 3.000 a diferenza entre a suma da base liquidable xeral e do aforro do contribuínte e 37.000)
Cando ambos os dous proxenitores ou adoptantes teñan dereito á aplicación desta dedución, o seu importe ratearase entre eles por partes iguais.
Esta dedución será compatible coa dedución por nacemento ou adopción, durante o período impositivo, coa dedución por nacemento ou adopción dun fillo con discapacidade e coa dedución por familia numerosa.
Formalización
En caso de matrimonio e se ambos os dous cónxuxes teñen dereito á dedución, deberá marcar o recadro "común".
Noutro caso, deberá marcar o recadro " do Titular ". Neste suposto deberá indicar, adicionalmente, se os fillos conviven ou non con ambos os dous pais ou adoptantes.