Saltar ao contido principal

Medidas en materia de tributación (Real Decreto-lei 7/2026)

O Real Decreto-lei 7/2026, do 20 de marzo, (BOE 21 de marzo), polo que se aproba o Plan Integral de Resposta á Crise en Oriente Medio, establece unha serie de medidas de carácter tributario, entre as que cabe citar as seguintes:

IVE

De forma extraordinaria e temporal ata o 30 de xuño de 2026, redúcese do 21 ao 10 por cento o tipo do IVE aplicable:

  • Aos contratos de enerxía eléctrica cuxo termo fixo de potencia sexa inferior aos 10 kW e aos titulares de contratos de subministración de electricidade que sexan perceptores do bono social e, ademais, teñan recoñecida a condición de vulnerable severo ou vulnerable severo en risco de exclusión social para paliar situacións de pobreza enerxética dos consumidores máis vulnerables.

  • Ao gas natural, briquetas e «pellets» procedentes da biomasa e á madeira para leña.

  • Aos carburantes e combustibles.

Non obstante, por tratarse de medidas excepcionais, as reducións dos tipos durante o mes de xuño de 2026 quedan subordinadas á evolución do índice de prezos ao consumo dos produtos afectados.

IRPF

Con efectos desde o 1 de xaneiro de 2025

  • Prorróganse ata o 31 de decembro de 2026 as deducións de mellora da eficiencia enerxética de vivendas por obras de redución da demanda de calefacción e refrixeración e por obras para a mellora no consumo de enerxía primaria non renovable.

  • Prorrógase ata o 31 de decembro de 2027 a dedución de mellora da eficiencia enerxética de vivendas por obras realizadas en edificios de uso predominantemente residencial.

Con efectos desde o 1 de xaneiro de 2026

  • Prorrógase ata o 31 de decembro de 2026 a dedución pola adquisición de vehículos eléctricos enchufables e de pila de combustible e instalación de puntos de recarga.

  • Créase unha nova dedución pola instalación durante o 2026 de sistemas de autoconsumo de enerxía eléctrica que utilicen enerxía procedente de fontes renovables en inmobles e en edificios de uso predominante residencial.

IMPOSTO SOBRE SOCIEDADES

Con efectos para os períodos impositivos que, iniciados a partir do  1 de xaneiro de  2025 non concluísen a data 22 de marzo de 2026:

  • Prorrógase ao exercicio 2026 a liberdade de amortización para aqueles investimentos que utilicen enerxía procedente de fontes renovables.

  • Prorrógase ao exercicio 2026 a liberdade de amortización para aqueles investimentos en determinados vehículos e en novas infraestruturas de recarga.

IMPOSTO SOBRE HIDROCARBUROS E AXUDAS EXTRAORDINARIAS E TEMPORAIS A PRODUTORES AGRARIOS E TRANSPORTISTAS

Con efectos desde o 22 de marzo e ata o 30 de xuño de 2026, redúcense os tipos impositivos do imposto sobre hidrocarburos aplicables a combustibles e carburantes (artigo 38) e do tipo de devolución do gasóleo profesional (artigo 39). Ademais, apróbanse axudas extraordinarias e temporais para sufragar o prezo do gasóleo consumido por produtores agrarios (artigo 46), por titulares de vehículos con dereito á devolución parcial do Imposto sobre Hidrocarburos polo gasóleo profesional (artigo 55) e por profesionais do transporte terrestre respecto de vehículos que non poidan beneficiarse da mencionada devolución parcial (artigo 58).

IMPOSTO ESPECIAL SOBRE A ELECTRICIDADE

Con efectos desde o 22 de marzo e ata o 30 de xuño de 2026, redúcese o tipo impositivo do Imposto Especial sobre a Electricidade (artigo 40), que pasa do 5,11269632 por cento ao 0,5 por cento.

IMPOSTO SOBRE O VALOR DA PRODUCIÓN DE ENERXÍA ELÉCTRICA

Con efecto desde o 22 de marzo, e ata o 30 de xuño de 2026 introdúcense minoracións na determinación da base impoñible do Imposto sobre o Valor da Produción de Enerxía Eléctrica (artigo 41) correspondente ao ano 2026 a fin de compensar os maiores custos que están soportando as empresas que determinan o prezo da electricidade no mercado maiorista, debido ao encarecemento dos produtos enerxéticos, e que así poidan ofertar prezos máis competitivos que redunden en beneficio dos consumidores:

  • Unha minoración do 10 por cento das retribucións correspondentes á electricidade incorporada ao sistema durante o primeiro trimestre natural de 2026, que supón que integrarán a base impoñible do imposto o 90 por cento das devanditas retribucións.

  • Unha minoración da totalidade das retribucións correspondentes á electricidade incorporada ao sistema durante o segundo trimestre natural de 2026, que supón que as devanditas retribucións non integrarán a base impoñible do imposto.