Facturación electrónica obrigatoria
No BOE do 31 de marzo publicouse o Real decreto 238/2026, do 25 de marzo, polo que se desenvolve o sistema de facturación electrónica obrigatoria entre empresarios e profesionais e polo que se modifica o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado polo Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro.
Este real decreto ten por obxecto establecer os requisitos técnicos e de información do sistema español de factura electrónica obrigatoria entre empresarios e profesionais e os requisitos esixibles ás plataformas de intercambio de facturas electrónicas.
A Axencia Estatal de Administración Tributaria desenvolverá unha aplicación ou formulario gratuíto, que, baixo determinadas condicións e requisitos, permitirá a todos os empresarios e profesionais e, se é o caso, aos seus autorizados, a expedición de facturas electrónicas, a xeración da información sobre o estado das facturas electrónicas, incluído o seu pagamento efectivo completo, e a posta a disposición das contrapartes e da Administración Pública da devandita información utilizando para iso a solución pública de facturación electrónica.
A solución pública de facturación electrónica deberá estar dispoñible para os empresarios e profesionais obrigados a emitir e recibir facturas electrónicas polo menos dous meses antes da primeira aplicación efectiva deste real decreto, de acordo coa disposición final cuarta.
Este real decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no «Boletín Oficial do Estado». Non obstante, a aplicación efectiva deste real decreto quedará diferida nos seguintes termos, contados desde a entrada en vigor da orde ministerial prevista no apartado 1 da disposición final terceira:
-
Doce meses despois, para os empresarios e profesionais cuxo volume de operacións, calculado conforme ao artigo 121 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, excedese de 8 millóns de euros durante o ano natural inmediato anterior.
-
Vinte e catro meses despois, para o resto dos empresarios e profesionais.
- Real Decreto 238/2026, de 25 de marzo,
por el que se desarrolla el sistema de facturación electrónica obligatoria entre empresarios y profesionales y por el que se modifica el Reglamento por el que se regulan las obligaciones de facturación, aprobado por el Real Decreto 1619/2012, de 30 de noviembre.
- Nota informativa RD Facturación electrónica obrigatoria (140 kB- pdf )