Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono (CBAM)
Coñece o sistema que utiliza a UE para a importación de bens procedentes de fóra da UE, que fixa un prezo xusto ao carbono emitido durante a produción e que propicia unha enerxía máis limpa. Así como o mecanismo que hai que realizar en fronteira por risco de fuga deste carbono.
Mecanismo de axuste en fronteira por carbono
Na comunicación do 11 de decembro de 2019, titulada “O Pacto Verde Europeo”, a Comisión estableceu unha nova estratexia de crecemento, tendo como propósito abordar os retos relacionados co clima e o medio natural e acadar os obxectivos do Acordo de París.
O Pacto Verde Europeo ten como finalidade protexer, manter e mellorar o capital natural, así como protexer a saúde e benestar dos cidadáns fronte a riscos e efectos ambientais.
A medida que a UE aumenta a súa propia ambición climática e consegue reducir considerablemente as súas emisións internas de gases de efecto invernadoiro (GEI), as emisións de GEI implícitas nas importacións á Unión seguiron aumentando, o que socava os esforzos da Unión por reducir a súa pegada no mundo.
Mentres haxa países con políticas climáticas menos estritas e que non acadan o mesmo nivel de ambición climática que a Unión, seguirá existindo o risco da chamada "fuga de carbono".
A fuga de carbono prodúcese cando as empresas con sede na UE trasladan a produción contaminante a outros países con políticas climáticas menos estritas que na UE, ou cando os produtos da UE son substituídos por importacións máis intensivas en carbono.
O Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono (CBAM) da UE é un instrumento para a importación de bens procedentes de fóra da UE, abordando o risco de fuga de carbono. Este mecanismo, regulado no Regulamento 2023/956 do Parlamento Europeo e do Consello do 10 de maio de 2023, fixa un prezo xusto ao carbono emitido durante a produción de bens intensivos en carbono e fomenta unha produción industrial máis limpa en países non pertencentes á UE.