Mecanismo de Axuste en Fronteira por Carbono (CBAM)
Coñece o sistema que utiliza a UE para a importación de bens procedentes de fóra da UE, que fixa un prezo xusto ao carbono emitido durante a produción e que propicia unha enerxía máis limpa. Así como o mecanismo que hai que realizar en fronteira por risco de fuga deste carbono.
Funcionamento do CBAM
O Regulamento CBAM entrou oficialmente en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial da UE, o 16 de maio de 2023. O CBAM empezará a aplicarse de forma transitoria o 1 de outubro de 2023 e o primeiro período de declaración para os importadores finalizará o 31 de xaneiro de 2024.
A introdución gradual do CBAM está en consonancia coa eliminación progresiva da asignación de dereitos gratuítos no marco do Réxime Comunitario de Comercio de Dereitos de Emisión (RCDE) establecido en virtude da Directiva 2003/87/CE para apoiar a descarbonización da industria da UE.
A partir do 2026 , o CBAM funcionará da seguinte forma:
- As mercadorías importaranse no territorio aduaneiro da Unión (TAU) unicamente por un declarante autorizado para os efectos do CBAM . Os importadores da UE de mercadorías cubertas polo CBAM rexístranse ante as autoridades nacionais, onde tamén poden comprar certificados CBAM a un prezo baseado nos dereitos de emisión semanais do RCDE (expresados en €/tonelada de CO2 emitido). O CBAM garantirá que o prezo do carbono das importacións sexa equivalente ao prezo do carbono da produción nacional, e que non se socaven os obxectivos climáticos da UE. O CBAM está deseñado para ser compatible coas normas da OMC.
- O importador da UE deberá declarar antes do 31 de maio de cada ano a cantidade de produtos importados á UE o ano anterior e as emisións incorporadas a eses produtos. Simultaneamente, o importador presentará o número de certificados CBAM que corresponda á cantidade de emisións de GEI incorporadas aos produtos. A eliminación progresiva da asignación gratuíta no marco do RCDE terá lugar en paralelo coa introdución progresiva do CBAM no período 2026-2034. Se os importadores poden demostrar que xa se pagou un prezo do carbono durante a produción das mercadorías importadas, pode deducirse o importe correspondente da súa factura final.