Depósito e almacenaxe de mercadorías
Coñece as mercadorías non UE que poden introducirse nos distintos tipos de depósito que existen
Depósito aduaneiro
Que é o depósito aduaneiro?
A expresión depósito aduaneiro ten unha dobre acepción:
- Como instalación ou inmoble: o depósito aduaneiro é todo lugar recoñecido polas autoridades aduaneiras e sometidas ao seu control, en que poidan almacenarse mercadorías de importación nas condicións establecidas na normativa aduaneira.
- Como unha situación xurídico-aduaneira en que se encontran as mercadorías: o réxime especial de depósito aduaneiro é aquel que permite a almacenaxe, nunhas instalacións de depósito aduaneiro, de mercadorías non pertencentes á Unión nas condicións establecidas para os réximes especiais de depósito.
Normalmente ambas as dúas acepcións adoitan utilizarse de maneira simultánea, xa que se solicita que sexa autorizado un local como depósito aduaneiro, para así poder vincular ao réxime especial de depósito aduaneiro mercadorías procedentes de terceiros países nas devanditas instalacións.
No depósito aduaneiro só se contempla a posibilidade de almacenar, nas instalacións autorizadas, mercadorías non pertencentes á Unión. Non obstante, as autoridades aduaneiras poden incluír, no mesmo acordo, unha autorización para almacenar conxuntamente mercadorías vinculadas ao réxime de depósito aduaneiro con mercadorías da Unión, sempre que exista unha necesidade económica e non quede comprometida a vixilancia aduaneira.