Depósito e almacenaxe de mercadorías
Coñece as mercadorías non UE que poden introducirse nos distintos tipos de depósito que existen
Réxime especial de Zona Franca
Que é unha zona franca?
As zonas francas non aparecen definidas expresamente no Regulamento 952/2013 polo que se establece o código aduaneiro da Unión. Non obstante, poderíanse definir como partes pechadas do territorio aduaneiro da Unión, separadas do resto do mesmo, en que se poden almacenar toda clase de mercadorías non pertencentes á Unión, sen estar suxeitas:
- a dereitos de importación;
- a outros gravames prescritos por outras disposicións pertinentes en vigor;
- a medidas de política comercial na medida en que non prohiban a entrada de mercadorías no territorio aduaneiro da Unión ou a súa saída del .
Son os Estados membros quen designan, segundo a súa vontade, que determinadas partes do territorio aduaneiro da Unión teñan a consideración de zonas francas.
Os Estados membros deben comunicar á Comisión Europea información sobre as zonas francas que estean en funcionamento nos seus respectivos territorios, que deberán estar cercadas. O perímetro e os puntos de acceso e de saída das zonas francas estarán sometidos a vixilancia aduaneira, podendo ser sometidos a controis aduaneiros, tanto as mercadorías coma os medios de transporte que entren ou saian da zona franca.