5.3.3 Modelos de autoliquidacións
O modelo 303, utilízase tanto se o período de liquidación é trimestral ou mensual. Non obstante, se se optou polo réxime especial do grupo de entidades o período de liquidación será mensual e presentarase o modelo 322 (declaración individual) e, se é o caso, tamén o modelo 353 (declaración agregada).
Ademais, os suxeitos pasivos deben formular unha declaración resumo anual, modelo 390. Non obstante, non presentarán o modelo 390:
-
Os suxeitos pasivos con período de liquidación trimestral que, tributando soamente en territorio común, realicen actividades en réxime simplificado do IVE e / ou arrendamento de bens inmobles de natureza urbana e calquera outra actividade pola que non estivese obrigado a presentar o modelo 303.
-
Os suxeitos pasivos que leven os libros rexistro a través da Sede electrónica da Axencia Estatal de Administración Tributaria- SII.
-
Os que realicen exclusivamente as operacións exentas comprendidas en LIVE (artigos 20 e 26).
Se o período de liquidación é trimestral, a presentación do modelo 303 e se é o caso, o ingreso ou solicitude de compensación efectúase entre o 1 e o 20 de abril, xullo e outubro, agás a correspondente ao último período de liquidación do ano, en que tamén pode solicitar a devolución, entre o 1 e o 30 de xaneiro do ano seguinte. Para domiciliar o pagamento, a presentación realízase por Internet entre o 1 e o 15 de abril, xullo e outubro e entre o 1 e o 25 de xaneiro.
O modelo 369 presentarase por vía electrónica por cada trimestre natural, independentemente de que se subministrasen ou non servizos cubertos polo réxime especial. A presentación efectuarase dentro do mes natural seguinte ao do final do período trimestral ao que se refira a autoliquidación.
A liquidación é mensual para as grandes empresas, para os que opten por inscribirse na REDEME e para entidades acollidas ao réxime especial do grupo de entidades (óptase co modelo 036 e o 039 para os grupos de entidades) utilizando os modelos 303, 322 e 353. A presentación destes modelos e se é o caso, o ingreso ou solicitude de compensación ou devolución efectúase entre o 1 e o 30 do mes seguinte á finalización do correspondente período de liquidación mensual agás a do mes de xaneiro que se presentará ata o último día do mes de febreiro.
Aqueles contribuíntes que apliquen o SII están exonerados de presentar os modelos 347 “Declaración de operacións con terceiras persoas” e 390 “Declaración-resumo anual do IVE”.
Se nalgún trimestre non resultase cantidade a ingresar, presentarase, segundo proceda, declaración sen actividade, a compensar ou a devolver (esta última só no último trimestre). O último mes ou trimestre do modelo 303 deberá presentarse se é o caso de forma simultánea coa declaración resumo anual, modelo 390.
Se se desenvolven actividades que tributan simultaneamente en réxime xeral e en réxime simplificado, presentarase o modelo 303, entre o 1 e o 20 de abril, xullo e outubro (ata o 15 se domicilia o pagamento), e entre o 1 e o 30 de xaneiro do ano seguinte (ata o 25 se domicilia o pagamento).