Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

Obrigas tributarias das entidades en réxime de atribución de rendas

1.Obrigas de información

Normativa:Arts.90 Lei IRPF e 70 Regulamento.Véxase tamén a Orde HAP/2250/2015, do 23 de outubro, pola que se aproba o modelo 184 de declaración informativa anual a presentar polas entidades en réxime de atribución de rendas e pola que se modifican outras normas tributarias (BOE do 29)

As entidades en réxime de atribución de rendas que exerzan unha actividade económica ou cuxas rendas excedan de 3.000 euros anuais deberán presentar durante o mes de febreiro de cada ano unha declaración informativa na que, ademais dos seus datos identificativos e, no seu caso, os do seu representante, deberá constar a seguinte información:

  1. Identificación, domicilio fiscal e NIF dos seus membros, residentes ou non en territorio español, incluíndose as variacións na composición da entidade ao longo de cada período impositivo.

    No caso de membros non-residentes en territorio español, deberá identificarse a quen ostente a representación fiscal do mesmo de acordo co establecido no artigo 10 do texto refundido da Lei do Imposto sobre a Renda de non Residentes, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 5/2004, do 5 de marzo.

    No suposto de entidades en réxime de atribución de rendas constituídas no estranxeiro, deberase identificar os membros da entidade contribuíntes polo IRPF ou do Imposto sobre Sociedades, así como aos contribuíntes polo Imposto sobre a Renda de non Residentes respecto das rendas obtidas pola entidade suxeitas ao devandito imposto.

  2. Importe total das rendas obtidas pola entidade e da renda atribuíble a cada un dos seus membros, especificándose, se é o caso:

    • Ingresos íntegros e gastos deducibles por cada fonte de renda.
    • Importe das rendas de fonte estranxeira, sinalando o país de procedencia, con indicación dos rendementos íntegros e gastos.
    • Identificación, se é o caso, da institución de investimento colectivo cuxas accións ou participacións se adquirisen ou subscritos, data de adquisición ou subscrición e valor de adquisición destas, así como identificación da persoa ou entidade, residente ou non residente, cesionaria dos capitais propios.
  3. Base das deducións ás que teña dereito a entidade.
  4. Importe das retencións e ingresos a conta soportados pola entidade e os atribuíbles a cada un dos seus membros.
  5. Importe neto da cifra de negocios de acordo co disposto na normativa mercantil aplicable ao respecto.

    Véxanse o artigo 35.2 do Código de Comercio, na redacción dada pola Lei 16/2007, do 4 de xullo (BOE do 5);a Norma de elaboración contable 11ª do Plan Xeral de Contabilidade, aprobado por Real Decreto 1514/2007, do 16 de novembro (BOE do 20), así como o texto refundido da Lei de Sociedades de Capital, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2010, do 2 de xullo (BOE do 3).

    A obriga de presentar a declaración informativa anual deberá ser cumprida por quen teña a consideración de representante da entidade de acordo co previsto na normativa xeral tributaria, ou polos seus membros contribuíntes polo IRPF ou polo Imposto sobre Sociedades no caso de entidades constituídas no estranxeiro.

Importante: as entidades en réxime de atribución de rendas deberán notificar por escrito aos seus membros, no prazo dun mes dende a finalización do prazo de presentación da declaración, a información a que se refiren os parágrafos b), c) e d) anteriores.Dado que a presentación da declaración se realiza no mes de febreiro de cada ano, a citada notificación efectuarase durante o mes de marzo.

2.Outras obrigas tributarias

Aínda que as entidades en réxime de atribución de rendas non teñen a consideración de contribuíntes polo IRPF nin polo Imposto sobre Sociedades, non obstante, deben cumprir determinadas obrigas ou deberes tributarios derivados da aplicación do procedemento de xestión tributaria, especialmente no suposto de que realicen actividades económicas.Pola súa banda, os membros das citadas entidades tamén están obrigados ao cumprimento de determinadas obrigas ou deberes tributarios, á marxe dos correspondentes á entidade.

Polo que á xestión do IRPF respecta, as obrigas e deberes tributarios a cargo de entidades en réxime de atribución de rendas que desenvolvan actividades económicas e as de cada un dos seus membros distribúense da forma seguinte:

  1. Obrigas a cargo da entidade en réxime de atribución de rendas:

    • Presentación de declaracións censuais.
    • Levanza da contabilidade e/ou libros rexistros da actividade.
    • Emisión de facturas.
    • As propias dos retedores ou obrigados a efectuar ingresos a conta.
    • Determinación da renda atribuíble e pagamentos a conta.
    • Obrigas de subministración de información.
  2. Obrigas a cargo de cada un dos socios, comuneiros ou partícipes:

    • Presentación de declaración censual.
    • Realización de pagamentos fraccionados.
    • Declaración da renda atribuída