Acreditación da discapacidade, da necesidade de axuda de terceiras persoas ou da existencia de dificultades de mobilidade
Normativa: Art. 72 Regulamento IRPF.
Teñen a consideración de persoas con discapacidade, para os efectos do IRPF, os contribuíntes que acrediten un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por 100.
O grao de discapacidade deberá acreditarse mediante certificado ou resolución expedida polo Instituto de Migracións e Servizos Sociais (IMSERSO ) ou o órgano competente das Comunidades Autónomas. O Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, (BOE do 26 de xaneiro de 2000), regula o procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade.
Non obstante, considerarase afectado un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 por 100 no caso de pensionistas da Seguridade Social que teñan recoñecida unha pensión de incapacidade permanente total, absoluta ou gran invalidez e no caso de pensionistas de clases pasivas que teñan recoñecida unha pensión de xubilación ou retiro por incapacidade permanente para o servizo ou inutilidade. Igualmente, considerarase acreditado un grao de discapacidade igual ou superior ao 65 por 100, cando se trate de persoas cuxa discapacidade sexa declarada xudicialmente polo procedemento previsto na Lei de Enxuizamento Civil, aínda que non acade o devandito grao.
A necesidade de axuda de terceiras persoas para desprazarse ao seu lugar de traballo ou para desempeñar o mesmo, ou a mobilidade reducida para utilizar medios de transporte colectivo, deberá acreditarse mediante certificado ou resolución do IMSERSO ou o órgano competente das Comunidades Autónomas en materia de valoración das discapacidades, baseandose no ditame emitido polos Equipos de Valoración e Orientación dependentes das mesmas.
O recoñecemento dun dos graos de dependencia que contempla o artigo 26.1 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, correspóndese con outro ámbito competencial que non responde ás esixencias do artigo 72 do Regulamento do IRPF e, polo tanto, non acredita esta.
Atención: e l Real decreto 1856/2009, do 4 de decembro, modificou o Real decreto 1971/1999, do 23 de decembro, do Procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade e, en consonancia co que se establece na disposición adicional oitava da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia e na nova clasificación da Organización Mundial da Saúde, "Clasificación Internacional de Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde "(CIF -2001), leva a cabo actualizacións terminolóxicas e conceptuais substituíndo as referencias que se incluían ao termo "minusvalía" polo termo "discapacidade", ao termo "discapacitados" e "persoas con minusvalía" polo termo "persoas con discapacidade" e ao termo "grao de minusvalía" por "grao de discapacidade". Para iso, incorpórase no Real decreto 1971/1999 unha disposición adicional segunda titulada "Actualización terminolóxica e conceptual".