Artigo 39.1 LIS (Límite conxunto)
Normativa: Art. 69.2 Lei IRPF e 39 LIS
Os límites de dedución previstos no artigo 39.1 da LIS aplícanse no IRPF sobre a cota que resulte de minorar a suma das cotas íntegras, estatal e autonómica (recadros [0545] e [0546] da declaración), no importe total das deducións por investimento en vivenda habitual (no caso de contribuíntes ás que lle é aplicable o réxime transitorio desta dedución), por investimento en empresas de nova ou recente creación, prevista no artigo 68.1 da Lei do IRPF, e por actuacións para a protección e difusión do Patrimonio Histórico Español e do Patrimonio Mundial (∑ recadros [0547] e [0548]; menos ∑ recadros [0549]; [0550] e [0551], respectivamente).
En relación a estes límites, o artigo 39.1 da LIS, establece que o importe das deducións para incentivar a realización de determinadas actividades (excluída a dedución por gastos execución dunha produción estranxeira de longametraxes cinematográficas ou de obras audiovisuais ás que se refire o artigo 36.2 da LIS que non se suxeita a estes límites), aplicadas no período impositivo, non poderán exceder conxuntamente do 25 por 100 da cota antes definida.
Non obstante, o devandito límite elévase ao 50 por 100 cando o importe das deducións por actividades de investigación e desenvolvemento e innovación tecnolóxica previstas no artigo 35 da LIS, que corresponda a gastos e investimentos efectuados no propio período impositivo, exceda do 10 por 100 da cota antes definida (isto é, a cota íntegra total do IRPF, minorada nas deducións por protección e difusión do Patrimonio Histórico Español e do Patrimonio Mundial e por investimentos en vivenda habitual e en empresas de nova ou recente creación).
Cando existan saldos pendentes de deducións de exercicios anteriores, o límite que proceda (25 por 100 ou 50 por 100) aplicarase conxuntamente ás deducións do exercicio 2020 e aos saldos pendentes de exercicios anteriores.