Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

A) Bolsas para cursar estudos regulados

A.1.Bolsas que inclúe

Están exentas as seguintes bolsas:

  • As bolsas públicas.
  • As bolsas concedidas polas entidades sen fins lucrativos ás que sexa de aplicación o réxime especial regulado no título II da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
  • As bolsas concedidas polas fundacións bancarias reguladas no Título II da Lei 26/2013, do 27 de decembro, de caixas de aforros e fundacións bancarias no desenvolvemento da súa actividade de obra social.

A.2.Finalidade:

Cando sexan percibidas para cursar estudos regulados, tanto en España coma no estranxeiro, en todos os niveis e graos do sistema educativo.

En España, as ensinanzas que ofrece o sistema educativo son as de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional (básica, de grao medio e de grao superior), ensino universitario (que á súa vez é de grao, máster ou doutorado) e ensino de réxime especial que pode ser artística, de idiomas e deportivo.Véxase ao respecto o artigo 3 da Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación (BOE do 4 de maio) e Real Decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais (BOE do 30 de outubro).

A.3.Requisitos e condicións para a súa aplicación:

  • Tratándose de bolsas públicas percibidas para cursar estudos regulados, a exención está condicionada a que a concesión destas se axuste aos principios de mérito e capacidade, xeneralidade e non discriminación nas condicións de acceso e publicidade da convocatoria.

    En ningún caso están exentas as axudas para o estudo concedidas por un Ente Público na que os destinatarios sexan exclusiva ou fundamentalmente os seus traballadores ou os seus cónxuxes ou parentes, en liña directa ou colateral, consanguínea ou por afinidade, ata o terceiro grao inclusive, destes.

  • Tratándose de bolsas concedidas polas entidades sen fins lucrativos e as fundacións bancarias anteriormente mencionadas, entenderanse cumpridos os principios anteriores cando concorran os seguintes requisitos:

    a. Que os destinatarios sexan colectividades xenéricas de persoas, sen que poida establecerse limitación ningunha respecto destes por razóns alleas á propia natureza dos estudos a realizar e as actividades propias do seu obxecto ou finalidade estatutaria.

    b. Que o anuncio da Convocatoria se publique no Boletín Oficial do Estado ou da Comunidade Autónoma e, ben nun xornal de gran circulación nacional, ben na páxina web da entidade.

    c. Que a adxudicación se leve a cabo en réxime de concorrencia competitiva.

A.4.Importes exentos:

O importe exento alcanzará os custos de matrícula, ou cantidades satisfeitas por un concepto equivalente para poder cursar tales estudos, e de seguro de accidentes corporais e asistencia sanitaria de que sexa beneficiario o bolseiro e, no seu caso, o cónxuxe e fillo do bolseiro sempre que non posúan cobertura da Seguridade Social.

Adicionalmente, unha dotación económica, como máximo, de:

  • 6.000 euros anuais, con carácter xeral, se se trata de bolsas de estudos ata o segundo ciclo universitario.
  • Este último importe elévase ata un máximo de 18.000 euros anuais, cando a dotación económica teña por obxecto compensar gastos de transporte e aloxamento.
  • 21.000 euros anuais cando os estudos ata o segundo ciclo universitario se realicen no estranxeiro.

Se o obxecto da bolsa é a realización de estudos de terceiro ciclo, estará exenta a dotación económica ata un importe máximo de:

  • 21.000 euros anuais, con carácter xeral.
  • 24.600 euros anuais, cando se trate de estudos no estranxeiro.

Cando a duración da bolsa sexa inferior ao ano natural, a contía máxima exenta será a parte proporcional que corresponda.