Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

Residencia habitual no territorio dunha Comunidade Autónoma ou Cidade con Estatuto de Autonomía para os efectos do IRPF

Normativa: Art.º 72 Lei IRPF

Criterios para determinar a residencia habitual

Como principio xeral, os contribuíntes con residencia habitual en territorio español son residentes no territorio dunha Comunidade Autónoma ou Cidade con Estatuto de Autonomía.Para determinar en cal das Comunidades Autónomas ou Cidades con Estatuto de Autonomía ten a súa residencia habitual o contribuínte residente, deberán aplicarse os seguintes criterios:

1.Criterio de permanencia

De acordo con este criterio, o contribuínte reside na Comunidade Autónoma ou Cidade con Estatuto de Autonomía en cuxo territorio permanecese maior número de días do período impositivo (xeralmente, o ano natural), computándose para estes efectos as ausencias temporais e presumíndose, salvo proba en contrario, que a persoa permanece no territorio da Comunidade Autónoma ou Cidade con Estatuto de Autonomía onde radica a súa vivenda habitual.

2.Criterio do principal centro de intereses

Cando non fose posible determinar a residencia conforme ao criterio anterior, considerarase que o contribuínte reside na Comunidade Autónoma ou Cidade con Estatuto de Autonomía onde teña o seu principal centro de intereses;é dicir, naquela en cuxo territorio obtivese a maior parte da base impoñible do IRPF, determinada polos seguintes compoñentes de renda:

  1. Rendementos do traballo, que se entenderán obtidos onde radique o centro de traballo respectivo, se existe.
  2. Rendementos do capital inmobiliario e ganancias patrimoniais derivadas de bens inmobles, que se entenderán obtidos no lugar en que radiquen estes.
  3. Rendementos de actividades económicas, xa sexa empresariais ou profesionais, que se entenderán obtidos onde radique o centro de xestión de cada unha delas.

3.Criterio da última residencia declarada para os efectos do IRPF

En defecto dos anteriores criterios, a persoa considérase residente no territorio no que radique a súa última residencia declarada para os efectos do IRPF.

Importante:de acordo co establecido no artigo 72.3 da Lei do IRPF, non producirán efecto os cambios de residencia que teñan por obxecto principal lograr unha menor tributación efectiva neste imposto, salvo que a nova residencia se prolongue de xeito continuado durante, polo menos, tres anos.Nestes supostos deberán presentarse as autoliquidacións complementarias que correspondan.Véxase o Capítulo 18

As persoas físicas residentes en territorio español, que non permanezan no devandito territorio máis de 183 días durante o ano natural, consideraranse residentes no territorio da Comunidade Autónoma ou Cidade con Estatuto de Autonomía en que radique o núcleo principal ou base das súas actividades ou dos seus intereses económicos.

Finalmente, cando a persoa sexa residente en territorio español por presunción, é dicir, porque o seu cónxuxe non separado legalmente e os fillos menores de idade dependentes del residan habitualmente en España, considerarase residente no territorio da Comunidade Autónoma ou Cidade con Estatuto de Autonomía en que estes residan habitualmente.

Declaracións conxuntas de unidades familiares cuxos membros residen en diferentes Comunidades Autónomas ou Cidades con Estatuto de Autonomía

Cando os contribuíntes integrados nunha unidade familiar tivesen a súa residencia habitual en Comunidades Autónomas ou Cidades con Estatuto de Autonomía distintas e optasen por tributar conxuntamente, no apartado "Comunidade Autónoma/Cidade Autónoma de residencia en 2020" indicarase aquela na que tivese a súa residencia habitual o membro da unidade familiar con maior base liquidable, determinada esta conforme ás regras de individualización de rendas do IRPF.

Cando unha das distintas Comunidades Autónomas fose de réxime foral (Navarra ou País Vasco), atenderase tamén a este criterio para determinar a competencia foral ou estatal en orde á exacción do IRPF.