Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2020

Perdas por deterioración de créditos por posibles insolvencias de debedores

Normativa: Art.º 104 LIS

Requisitos

Ademais das perdas individualizadas por deterioración dos créditos por insolvencias de debedores a que se refire o artigo 13.1 da LIS, os titulares de actividades económicas cuxo rendemento neto se determine no método de estimación directa, en calquera das súas dúas modalidades, poderán deducir a perda por deterioración sobre o saldo de debedores non afectados pola provisión individualizada conforme aos seguintes requisitos:

  1. Que a actividade económica teña a consideración fiscal de empresa de reducida dimensión no exercicio no que se deduce a perda.
  2. Que a perda por deterioración dos créditos por posibles insolvencias de debedores non supere o límite do 1 por 100 sobre os existentes á conclusión do período impositivo.

Para estes efectos, non se incluirán os seguintes debedores:

  1. Os debedores sobre os que se tivese recoñecido de forma individualizada a perda por deterioración dos créditos por insolvencias establecida no artigo 13.1 da LIS.
  2. Os debedores cuxas perdas por deterioración non teñan o carácter de deducibles segundo o disposto no artigo 13.1 da LIS.De conformidade co citado artigo, no suposto de entidades de reducida dimensión non resultan deducibles as seguintes perdas por deterioración de créditos:

    • As correspondentes a créditos debidos por entidades de dereito público, agás que sexan obxecto dun procedemento arbitral ou xudicial que verse sobre a súa existencia ou contía.
    • As correspondentes a créditos debidos por persoas ou entidades vinculadas, salvo que estean en situación de concurso e se producise a apertura da fase de liquidación polo xuíz, nos termos establecidos na Lei 22/2003, do 9 de xullo, Concursal e, dende o 1 de setembro de 2020, no Real Decreto Lexislativo 1/2020, do 5 de maio, polo que se aproba o texto refundido da Lei Concursal.

      Pode consultarse, con efectos meramente informativos, a táboa de correspondencias dos preceptos da Lei 22/2003, do 9 de xullo, Concursal, cos do texto refundido da Lei Concursal, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2020, do 5 de maio, en virtude da disposición adicional terceira deste, a través da páxina web dos Ministerios de Xustiza e de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Atención: téñase en conta que o artigo 14 do Real Decreto-lei 35/2020, do 22 de decembro, de medidas urxentes de apoio ao sector turístico, a hostalaría e o comercio e en materia tributaria (BOE do 23) reduce de seis a tres meses o prazo que ha de transcorrer dende o vencemento da obriga, para poder deducir nos anos 2020 e 2021 as perdas individuais por deterioración dos créditos derivadas das posibles insolvencias de debedores a que se refire o artigo 13.1 da LIS.

Suposto especial:perda da consideración de empresa de reducida dimensión

Nos períodos en que a actividade económica deixase de cumprir as condicións para ser considerada empresa de reducida dimensión, as perdas por deterioración dos créditos por posibles insolvencias de debedores non serán deducibles fiscalmente ata que non superen o importe da perda global dotada nos períodos nos que a actividade económica tivo a devandita consideración.

Importante: téñase en conta que as empresas de reducida dimensión que nun período impositivo alcancen ou superen a cifra de negocios de 10 millóns de euros poderán seguir aplicando os incentivos fiscais do seu réxime fiscal especial durante os tres períodos impositivos inmediatos e seguintes a aquel, sempre que cumprisen as condicións para ser consideradas como de reducida dimensión tanto naquel período (no que alcance ou supere o límite dos 10 millóns) como nos dous períodos impositivos anteriores a este último.