Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2022.

D) Indemnizacións exentas derivadas de extinción do contrato por vontade do traballador (cesamento)

Normativa: Arts. 40, 41 e 50 Estatuto dos Traballadores

Hai que diferenciar os seguintes supostos:

1. Cando  a extinción voluntaria estea motivada por algunha das seguintes causas (Art. 50 Estatuto dos Traballadores):

  1. Modificacións substanciais nas condicións de traballo que redunden en menoscabo da dignidade do traballador.

  2. Falta de pagamento ou atrasos continuados no aboamento do salario pactado.

  3. Calquera outro incumprimento grave das súas obrigas contractuais por parte do empresario, agás nos supostos de forza maior, así como a negativa do mesmo a reintegrar ao traballador nas súas anteriores condicións de traballo nos supostos de mobilidade xeográfica e modificacións substanciais de condicións de traballo previsto nos artigos 40 e 41 do Estatuto dos Traballadores, cando unha sentenza xudicial declarase os mesmos inxustificados.

Nestes casos a indemnización exenta será a fixada para os  despedimentos improcedentes  que se comentaron no apartado anterior.

2. Cando  a extinción do contrato por vontade do traballador é debida a modificacións substanciais de condicións de traballo (xornada de traballo, horario e distribución do tempo de traballo, réxime de traballo a quendas, sistema de remuneración e contía salarial, sistema de traballo e rendemento e, funcións, cando excedan dos límites previstos para a mobilidade funcional) polas que o traballador resultase prexudicado pero que non redunden en menoscabo da súa dignidade do traballador (Art. 41 Estatuto dos Traballadores).

Neste caso están exentas as indemnizacións que non excedan de 20 días de salario por ano traballado, rateandose por meses os períodos de tempo inferiores ao ano, cun máximo de 9 mensualidades.

3. De igual xeito, cando o empresario notifica ao traballador o seu traslado a un centro de traballo distinto da mesma empresa que esixa un cambio de residencia, o traballador terá dereito á extinción do seu contrato percibindo unha indemnización de 20 días de salario por ano de servizo, rateandose por meses os períodos de tempo inferiores a un ano e cun máximo de 12 mensualidades  (Art. 40 Estatuto dos Traballadores).