Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2022.

2. Conceptos deducibles e base da dedución

Normativa: véxanse arts. 17 e 18 Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado

As modalidades de doazóns que dan dereito á dedución e a base da mesma son as seguintes:

  • Donativos monetarios. A base da dedución está constituída polo importe do donativo.

  • Donativos ou doazóns de bens ou dereitos. A base da dedución será o valor contable que os citados bens ou dereitos tivesen no momento da súa transmisión e, no seu defecto, o valor determinado conforme ás normas do Imposto sobre o Patrimonio.

  • Cotas de afiliación a asociacións, distintas dos partidos políticos, que non se correspondan co dereito a percibir unha prestación presente ou futura. A base da dedución está constituída polo importe das cotas.

  • Constitución do dereito real de usufruto sobre bens, dereitos ou valores, realizadas sen contraprestación. Nestes supostos, a base de dedución estará constituída por:

    1. Usufruto sobre bens inmobles. O 2 por 100 do valor catastral do inmoble cada ano de duración do usufruto, determinandose proporcionalmente ao número de días que corresponda en cada período impositivo.

    2. Usufruto sobre valores. O importe anual dos dividendos ou intereses percibidos polo usufrutuario en cada un dos períodos impositivos de duración do usufruto.

    3. Usufruto sobre outros bens ou dereitos. O importe anual resultante de aplicar o xuro legal do diñeiro en cada exercicio ao valor do usufruto no momento da súa constitución conforme ás normas do Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados.

  • Donativos ou doazóns de bens que formen parte do Patrimonio Histórico Español ou de bens culturais de calidade garantida. En ambos os dous supostos, a base da dedución será a valoración efectuada para ese fin pola Xunta de cualificación, valoración e exportación.

O valor determinado de acordo coas regras anteriores ten como límite máximo o valor normal de mercado do ben ou dereito transmitido no momento da súa transmisión.

Atención: o artigo 23.1 da Lei 49/2002  declara que estarán exentas do IRPF que grave a renda do doador ou aportante as ganancias patrimoniais e as rendas positivas que se poñan de manifesto con motivo dos donativos, doazóns e achegas a que se refire o artigo 17 desa mesma Lei.