Saltar ao contido principal
Manual práctico de Renda 2023.

Por residir habitualmente nun municipio en risco de despoboamento

Normativa: Art. 4.Un.aa) Lei 13/1997, do 23 de decembro, pola que se regula o tramo autonómico do   Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas e restantes tributos cedidos, da Comunitat Valenciana

Contías da dedución

  • 330 euros

  • O importe anterior incrementarase en:

    • 132 euros no caso de que o contribuínte teña dereito á aplicación do mínimo por descendentes por unha persoa.

    • 198 euros no caso de que o contribuínte teña dereito á aplicación do mínimo por descendentes por dúas persoas

    • 264 euros no caso de que o contribuínte teña dereito á aplicación do mínimo por descendentes por tres ou máis persoas.

    Precisións para a aplicación das contías incrementadas :

    • O importe do incremento é único en función do número de descendentes.

    • Cando dous ou máis contribuíntes teñan dereito á aplicación do mínimo por descendentes por unha mesma persoa e cumpran os requisitos esixidos os importes adicionais ratearanse entre eles por partes iguais.

    • Os descendentes que hai que ter en conta, para os efectos de determinar as contías incrementadas aplicables, son só aqueles polos que se ten dereito a aplicar o mínimo por descendentes e que, ademais, non dan dereito ás deducións “Por nacemento, adopción ou acollemento familiar”, “Por nacemento ou adopción múltiple” e “Por nacemento ou adopción fillos con discapacidade(véxase ao respecto o apartado “Incompatibilidade” desta dedución).

    Exemplo:

    O contribuínte don A.R. reside nun municipio en risco de despoboamento e ten dous descendentes polos que pode aplicarse o mínimo por descendentes de nais distintas: o seu ex cónxuxe dona B.S. que reside en Valencia capital e o seu cónxuxe actual dona C.H, que non ten outros fillos e coa que convive.

    Determinar o importe da dedución que corresponde a cada un e o que correspondería don A.R e dona C.H. se presentasen declaración conxunta.

    Solución:

    1. Importe da dedución aplicable por don A.R.: 330 + 132 + [(198-132) ÷2] = 495

      A dedución aplicable será o resultado de sumar a 330  euros o incremento da dedución: 132 euros polo fillo que convive en Valencia capital con dona B.S. e polo que só don A.R. ten dereito á dedución máis 33 euros polo fillo en común con dona C.H. que resulta da diferenza entre o incremento que correspondería a don AR. na súa declaración individual (198 euros) menos o importe correspondente ao fillo común con C.H (132 euros) dividido entre dous.

    2. Importe da dedución aplicable por dona B.S.: non ten dereito á dedución porque non reside nun municipio en risco de despoboamento

    3. Importe da dedución aplicable por dona C.H: 330 + (132 ÷ 2) = 396

      Neste caso o incremento será de 132 euros por ter o contribuínte dereito á aplicación do mínimo por un descendente e procederá o rateo porque don A.R. tamén ten dereito.

    4. Importe da dedución aplicable en caso de declaración conxunta de don A.R e dona C.H.: 330 +132 + (198-132) = 528

      En caso de declaración conxunta a dedución aplicable será o resultado de sumar a 330 euros o incremento da dedución que corresponda polo fillo de don A.R. e dona B.S. que son 132 euros máis a diferenza entre o incremento que correspondería a don AR. na súa declaración individual (198 euros) menos o importe correspondente ao fillo común con dona C.H. (132 euros).

    Condicións para a aplicación da dedución

    • Con respecto á residencia habitual estarase ao concepto de residencia habitual recollido na normativa estatal reguladora do IRPF.

    • Municipios en risco de despoboamento.

      1. Aos efectos da consideración dun municipio como en risco de despoboamento deberá ser beneficiario do Fondo de Cooperación Municipal para a loita contra o despoboamento dos municipios da Comunitat Valenciana no exercicio orzamentario en que se produza a devindicación do imposto ou no anterior por cumprir, polo menos, cinco dos seguintes requisitos:

      1. Densidade de poboación. Número de habitantes: inferior ou igual aos vinte habitantes por quilómetro cadrado.

      2. Crecemento demográfico. Taxa de crecemento da poboación no período comprendido nos últimos vinte anos: menor ou igual ao cero por cento.

      3. Taxa de crecemento vexetativo. Porcentaxe que representa o saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e defuncións) sobre a poboación no período comprendido entre os últimos vinte anos: menor ou igual a-10%.

      4. Índice de avellentamento. Porcentaxe que representa a poboación maior de 64 anos sobre a poboación menor de 16 anos: maior ou igual ao douscentos cincuenta por cento.

      5. Índice de dependencia. Cociente entre a suma da poboación de menores de 16 anos e maiores de 64 e a poboación de 16 a 64 anos, multiplicado por 100: maior ou igual ao sesenta por cento.

      6. Taxa migratoria. Porcentaxe que representa o saldo migratorio no período comprendido entre os últimos dez anos (diferenza entre as entradas e saídas de poboación por motivos migratorios) sobre a poboación total do último ano: menor ou igual a cero.

      Estes datos determinaranse de conformidade coas cifras de poboación aprobada polo Goberno que figuren no último padrón municipal vixente, e de estatísticas oficiais publicadas polo Instituto Nacional de Estatística, polo Instituto Valenciano de Estatística e datos oficiais das Administracións Públicas.

      2. Manterán a devandita condición durante o exercicio en que se produza a devandita circunstancia os municipios que perdan a condición de beneficiarios do fondo por cumprir só catro dos seis requisitos esixidos.  

      3. Tamén ostentarán a devandita condición os municipios que, aínda sen cumprir os requisitos sinalados, pertenzan a áreas funcionais cunha densidade demográfica igual ou inferior a 12,5 habitantes por quilómetro cadrado. As áreas funcionais determinaranse de conformidade cos datos oficiais sobre demarcacións territoriais inscritos no Rexistro de Entidades Locais da Comunitat Valenciana, creado por Decreto 15/2011, do 18 de febreiro, do Consell.

      4. En todo caso, terán a devandita consideración todos os municipios con poboación inferior a 300 habitantes.

      Municipios beneficiarios do Fondo de Cooperación Municipal para a loita contra o despoboamento dos municipios da Comunitat Valenciana

      Os municipios beneficiarios do fondo de cooperación municipal indícanse no anexo das resolucións que, anualmente, acorda a Presidencia da Generalitat polas que se asigna a liña específica do Fondo de Cooperación Municipal para a Loita contra o Despoboamento dos Municipios da Comunitat Valenciana.

      Para a campaña do IRPF correspondente ao exercicio 2023, poderán ser beneficiarios da dedución os contribuíntes residentes nos municipios que figuren, polo menos, no anexo dalgunha das seguintes resolucións:

      RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2022, da Presidencia da Generalitat, de asignación da liña específica do Fondo de Cooperación Municipal para a Loita contra o Despoboamento dos Municipios da Comunitat Valenciana ás respectivas entidades beneficiarias, para o exercicio orzamentario 2022.

      RESOLUCIÓN do 23 de outubro de 2023, da Presidencia da Generalitat, de asignación da liña específica do Fondo de Cooperación Municipal para a Loita contra o Despoboamento dos Municipios da Comunitat Valenciana ás respectivas entidades beneficiarias, para o exercicio orzamentario 2023.

    • No suposto de tributación conxunta aplícanse os mesmos importes da dedución que se establecen para os efectos da tributación individual.

    Incompatibilidade

    Esta dedución é incompatible, para o mesmo descendente ou asimilado, coas deducións “Por nacemento, adopción ou acollemento familiar”, “Por nacemento ou adopción múltiple” e “Por nacemento ou adopción de fillos con discapacidade".