Saltar ao contido principal
Manual práctico IVA 2021

Cesión do imposto ás Comunidades Autónomas de réxime común

De acordo co disposto no apartado catro do artigo único da Lei Orgánica 3/2009, do 18 de decembro, que modifica o artigo undécimo da Lei Orgánica 8/1980, de Financiamento das Comunidades Autónomas, e con efectos dende o 1 de xaneiro de 2009, cédese ás Comunidades Autónomas o 50% do rendemento do Imposto sobre o Valor Engadido producido no seu territorio.

Considérase producido no territorio dunha Comunidade Autónoma o rendemento cedido do Imposto sobre o Valor Engadido que corresponda ao consumo na devandita Comunidade Autónoma, segundo o índice de consumo territorial certificado polo Instituto Nacional de Estatística e elaborado para os efectos da asignación do Imposto sobre o Valor Engadido por Comunidades Autónomas.

Non existe posibilidade de asumir competencias normativas por parte das Comunidades Autónomas en relación co Imposto sobre o Valor Engadido.

Por último, en relación con este imposto, a xestión, liquidación, recadación e inspección, así como a revisión dos actos ditados en vía de xestión levarase a cabo polos órganos estatais que teñan atribuídas as funcións respectivas, sen que exista posibilidade de que as Comunidades Autónomas se fagan cargo, por delegación do Estado, das competencias citadas.