Saltar ao contido principal
Manual práctico IVE 2021.

Introdución

Á marxe do réxime xeral, existen os réximes especiais do IVE, que presentan unhas características diferentes entre si, tanto no referente á súa compatibilidade con outras operacións en réxime xeral como na obrigatoriedade da súa aplicación.

Os réximes especiais son:

  1. Réxime simplificado.
  2. Réxime especial da agricultura, gandaría e pesca.
  3. Réxime especial dos bens usados, obxectos de arte, antigüidades e obxectos de colección.
  4. Réxime especial aplicable ás operacións con ouro de investimento.
  5. Réxime especial das axencias de viaxes.
  6. Réxime especial da recarga de equivalencia.
  7. Réximes especiais aplicables ás vendas a distancia e a determinadas entregas interiores de bens e prestacións de servizos.
  8. Réxime especial do grupo de entidades.
  9. Réxime especial do criterio de caixa.

Os réximes especiais terán carácter voluntario, agás os aplicables ás operacións con ouro de investimento (sen prexuízo da posibilidade de renuncia), axencias de viaxes e recarga de equivalencia.

O réxime especial dos bens usados, obxectos de arte, antigüidades e obxectos de colección aplicarase aos suxeitos pasivos que presentasen a declaración de comezo de actividades, agás renuncia, que poderá efectuarse para cada operación e sen comunicación expresa á Administración.

O réxime simplificado e o da agricultura, gandaría e pesca aplicaranse, agás renuncia dos suxeitos pasivos, exercitada en determinados prazos e forma.

Os réximes especiais aplicables ás vendas a distancia e a determinadas entregas interiores de bens e prestacións de servizos, aplicaranse a aqueles empresarios ou profesionais que presentasen as declaracións previstas nos artigos 163 noniesdecies, 163 duovicies e 163 septvicies da Lei do IVE (formulario 035) e que teñan como Estado membro de identificación España.

O réxime simplificado, dada a súa importancia práctica, trátase no capítulo 7 deste Manual práctico dedicado exclusivamente ás PEMES.

Opcións e renuncias expresas aos réximes especiais.

Con carácter xeral, as opcións e renuncias expresas a estes réximes, así como a súa revogación cando deban comunicarse á Administración efectúanse mediante a declaración censual (modelo 036 ou 037, só para os réximes simplificados, agricultura, gandaría e pesca e do criterio de caixa) ao tempo de presentar a declaración de comezo da actividade ou durante o mes de decembro anterior ao inicio do ano natural en que deba prover efectos.

Excecpcionalmente, o prazo de renuncia aos réximes especiais simplificados e da agricultura, gandaría e pesca para o exercicio 2021, é desde o 24 de decembro ata o 31 de xaneiro de 2021.

As renuncias e revogacións presentadas para o ano 2021 aos réximes especiais simplificados e da agricultura, gandaría e pesca durante o mes de decembro de 2020, con anterioridade ao 24 de decembro, entenderanse presentadas en período hábil, podendo ser modificada a opción realizada no prazo citado no parágrafo anterior.

As opcións e renuncias enténdense prorrogadas para os anos seguintes, en tanto non se revoguen expresamente.

A renuncia aos réximes especiais simplificados e da agricultura, gandaría e pesca enténdese realizada coa presentación en prazo, aplicando o réxime xeral do imposto, da autoliquidación correspondente ao primeiro trimestre do ano natural en que deba prover efectos ou na primeira declaración presentada en caso de inicio da actividade despois do seu comezo.

A renuncia aos réximes simplificados, da agricultura, gandaría e pesca e do criterio de caixa ten efectos para un período mínimo de tres anos.

A regra anterior queda excepcionada con carácter extraordinario como consecuencia das medidas adoptadas para combater o COVID-19:

  1. Os contribuíntes que renunciasen para o exercicio 2020 aos réximes especiais simplificados e da agricultura, gandaría e pesca poderán optar polos devanditos réximes no exercicio 2021 ou 2022.

  2. Os contribuíntes que renuncien aos réximes especiais simplificados e da agricultura, gandaría e pesca para o exercicio 2021, poderán volver determinar o rendemento neto da súa actividade económica polos devanditos réximes no exercicio 2022.

No réxime de bens usados, obxectos de arte, antigüidades e obxectos de colección non pode revogarse a opción pola modalidade de determinación da base impoñible mediante a marxe de beneficio global ata a finalización do ano natural seguinte.

A renuncia ao réxime de estimación obxectiva do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas implica a renuncia aos réximes especiais simplificados e da agricultura, gandaría e pesca.

Determinación do volume de operacións

É o importe total das entregas de bens e prestacións de servizos reportados durante o ano natural anterior, incluídas as exentas do imposto.

No volume de operacións non se inclúen as cotas de IVE, nin a recarga de equivalencia, nin a compensación a agricultores e gandeiros.

Non se teñen en conta:

  1. As entregas ocasionais de bens inmobles.
  2. As entregas de bens de investimento.
  3. As operacións financeiras e operacións exentas relativas ao ouro de investimento que non sexan habituais da actividade empresarial ou profesional do suxeito pasivo.

En caso de transmisión da totalidade ou parte dun patrimonio empresarial ou profesional, o volume de operacións do adquirente será a suma das súas operacións e as realizadas polo transmitente en relación co patrimonio transmitido durante o ano natural anterior.

Sectores diferenciados de actividade

A realización de operacións suxeitas aos réximes especiais simplificados, da agricultura, gandaría e pesca, do ouro de investimento ou da recarga de equivalencia, teñen en todo caso a consideración de sector diferenciado.

Cadro-resumo dos réximes especiais

Réximes especiais e características
RéximeCarácterAplicaciónRenunciaCaracterísticasEmpresarios ou profesionais
Réxime simplificado Voluntario Automática agás renuncia Si Cálculo cota reportada por operacións correntes. O IVE deducible é o realmente soportado agás excepcións do art. 123.Un.a) LIVE Persoas físicas e entidades do art. 35.4 LGT que realicen operacións do art. 37 Rgto. IVE e non superen os límites determinados.
Réxime especial da agricultura, gandaría e pesca Voluntario Automática agás renuncia Si Sen obrigas de liquidación e pagamento do imposto Titular de explotación
Réxime especial dos bens usados, obxectos de arte, antigüidades e obxectos de colección Voluntario (1) (1) Cálculo da base impoñible Revendedores de bens
Réxime especial das axencias de viaxes Obrigatorio Automática Si (2) Cálculo da base impoñible
  • Axencias de viaxes
  • Organización de circuítos turísticos
Réxime especial do ouro de investimento Obrigatorio Automática agás renuncia Si Exención Comerciantes de ouro de investimento
Réxime especial da recarga de equivalencia Obrigatorio Automática Non Sen obrigas de liquidación e pagamento do imposto Comerciantes retallistas, persoas físicas e entidades art. 35.4 LGT
Réximes especiais aplicables ás vendas a distancia e a determinadas entregas interiores de bens e prestacións de servizos Voluntario --- --- Presentación de declaracións desde un único Portal Web do Estado de Identificación
  • Empresarios ou profesionais non establecidos na Comunidade acollidos ao Réxime exterior á Unión.
  • Empresarios ou profesionais acollidos ao Réxime da Unión.

  • Empresarios ou profesionais acollidos ao Réxime de importación.
Réxime especial do grupo de entidades Voluntario --- Si Compensación de saldos nas autoliquidacións do grupo Empresarios ou profesionais que formen parte dun grupo de entidades
Réxime especial do criterio de caixa Voluntario --- Si Atrasar a devindicación e ingreso así como o dereito de dedución ata o momento do cobramento e pagamento respectivo Empresarios e profesionais que non superen determinados límites

Notas á táboa:

(1) Réxime especial de bens usados, obxectos de arte, antigüidades e obxectos de colección. (volver aplicación) (volver renuncia)

  • Na modalidade de determinación da base impoñible mediante a marxe de beneficio de cada operación, aplícase agás renuncia que pode efectuarse por cada operación e sen necesidade de comunicara á Administración.
  • Na modalidade de determinación da base impoñible mediante a marxe de beneficio global aplícase previa opción expresa do suxeito pasivo, sen posibilidade de renuncia, ata a finalización do ano natural seguinte.

(2) Como excepción a este réxime especial obrigatorio, os suxeitos pasivos poden optar pola aplicación do réxime xeral do Imposto, «operación por operación» respecto dos servizos que realicen e de que sexan destinatarios empresarios ou profesionais que teñan dereito á dedución ou á devolución do Imposto. (Volver)