Saltar ao contido principal
Manual práctico IVA 2021

Obrigas formais

  1. Con carácter xeral, os que realicen exclusivamente esta actividade non teñen, para os efectos do IVA, obriga de expedir documento de facturación polas vendas, salvo que tributen en réxime de estimación directa no IRPF, se ben, cando o destinatario sexa empresario ou profesional ou cando o esixa para o exercicio dun dereito de natureza tributaria, se deberá expedir factura.Igualmente, existirá esta obriga nos demais supostos regulados no artigo 2.2 do Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación, aprobado polo Real Decreto 1619/2012, do 30 de novembro.

  2. Os suxeitos pasivos están obrigados a acreditar ante os seus provedores ou ante a Alfándega o feito de estar ou non sometidos ao réxime especial.

    A Axencia tributaria incorporou na súa páxina web un novo servizo de axuda «Consulta detallistas en recarga de equivalencia» onde pode consultar se o seu cliente (empresario minorista) está sometido ou non ao Réxime especial da recarga de equivalencia.O dato ofrecido por este servizo de axuda correspóndese coa situación censual na data de consulta.

  3. Os suxeitos pasivos non están obrigados a levar rexistros contables en relación co IVA.

    Excepcións:

    Se realiza outras actividades acollidas ao réxime especial da agricultura, gandería e pesca ou do réxime simplificado deberá levar o Libro Rexistro de facturas recibidas, anotando separadamente as facturas que correspondan ás adquisicións de cada sector da actividade, incluídas as da recarga.

    Se realiza outras actividades acollidas ao réxime xeral ou a calquera outro réxime distinto dos anteriores deben cumprir respecto deles as obrigas xerais ou específicas.No Libro Rexistro de facturas recibidas deben anotar separadamente as facturas relativas a adquisicións correspondentes a actividades ás que sexa aplicable o réxime especial da recarga de equivalencia.

  4. Cando importen bens deberán presentar na Alfándega as declaracións aduaneiras correspondentes.Cando realicen adquisicións intracomunitarias ou se produzan supostos de investimento do suxeito pasivo, deberán liquidar o imposto e, no seu caso, a recarga presentando o modelo 309.

  5. Cando entreguen bens a viaxeiros con dereito á devolución do imposto presentarán declaración no modelo 308 solicitando a devolución dos reembolsos aos viaxeiros, acreditados coas transferencias aos interesados ou ás entidades colaboradoras.

  6. Cando realicen entregas de bens inmobles suxeitas e non exentas ao Imposto (salvo que se trate de entregas efectuadas en execución da garantía constituída sobre os bens inmobles) deben ingresar o imposto devindicado nesas operacións, mediante o modelo 309.

  7. Cando realicen simultáneamente actividades económicas noutros sectores da actividade empresarial ou profesional, deberán ter documentadas en facturas diferentes as adquisicións de mercadorías realizadas destinadas a cada unha das distintas actividades por eles.