Saltar ao contido principal
Manual práctico de Sociedades 2020.

Período impositivo

  1. Regra xeral

    O período impositivo ao que se faga referencia na declaración do Imposto sobre Sociedades deberá coincidir co exercicio económico da entidade , sen que en ningún caso poida exceder de doce meses.

    Agás nos casos en que se declare outro período distinto, o período impositivo entenderase referido ao ano natural.

  2. Regras especiais

    Aínda que non finalizase o exercicio económico, o período impositivo concluirá en todo caso:

    1. Cando a entidade se extinga.

      A extinción da entidade producirase cando teña lugar o asento de cancelación no Rexistro Mercantil, quedando obrigada a devandita entidade a presentar a declaración do Imposto no prazo dos 25 días naturais seguintes aos seis meses posteriores á realización do devandito asento.

    2. Cando teña lugar un cambio de residencia da entidade residente en territorio español ao estranxeiro .

    3. Cando se produza a transformación da forma xurídica da entidade e iso determine a non suxeición ao Imposto sobre Sociedades da entidade resultante.

    4. Cando se produza a transformación da forma societaria da entidade , ou a modificación do seu estatuto ou do seu réxime xurídico, e iso determine a modificación do seu tipo de gravame ou a aplicación dun réxime tributario distinto.
  3. Resumo

    A duración do período impositivo pode ser

    1. Igual a doce meses

      • coincidente co ano natural
      • non coincidente co ano natural
    2. Inferior a doce meses

      En calquera caso, os contribuíntes do Imposto sobre Sociedades deberán presentar unha declaración independente por cada período impositivo.

      Exemplo:

      A Sociedade Anónima "X", que se dedica á comercialización de cereais, ten fixado nos seus estatutos o exercicio social coincidente co ano natural.

      Co propósito de axustar o exercicio económico ao calendario das campañas de comercialización do cereal, a Xunta Xeral de accionistas, constituída validamente para ese fin, acorda o día 19 de abril de 2020 modificar o exercicio social da entidade, que pasará a iniciarse o día 1 de xuño de cada ano e pecharase o 31 de maio do ano seguinte.

      En consecuencia, o 31 de maio de 2020 prodúcese o peche do exercicio en curso (que comezara o día 1 de xaneiro anterior), iniciandose o día 1 de xuño de 2020 o primeiro dos exercicios axustados á modificación acordada pola Xunta Xeral.

      Neste suposto hai dous períodos de imposición, ambos os dous iniciados dentro do mesmo ano natural de 2020:

      1. Do 1 de xaneiro de 2020 ao 31 de maio de 2020.
      2. Do 1 de xuño de 2020 ao 31 de maio de 2021.

      Polo tanto, a Sociedade Anónima "X" terá que presentar dúas declaracións do Imposto sobre Sociedades, unha por cada un dos períodos impositivos mencionados.