Saltar ao contido principal
Manual práctico de Sociedades 2021

Amortización do inmobilizado afecto a actividades de investigación e desenvolvemento

Segundo o disposto no artigo 12.3.b) da LIS, para os efectos do Imposto sobre Sociedades pódense amortizar libremente os elementos do inmobilizado material e intanxible, excluídos os edificios, afectos ás actividades de investigación e desenvolvemento.Os edificios poderán amortizarse de forma lineal durante un período de 10 anos na parte que se achen afectos ás actividades de investigación e desenvolvemento.

Cumprimentación do modelo 200

En aplicación do disposto neste precepto, o contribuínte deberá realizar os seguintes axustes nas casas [00305] e [00306] «Amortización de inmobilizado afecto a actividades de investigación e desenvolvemento (art.º 12.3.b) LIS)» da páxina 12 do modelo 200:

  • Na casa [00305] de aumentos consignarase o importe das amortizacións relativas a calquera dos elementos referidos contabilizado no período impositivo obxecto de declaración e que, por aplicación da devandita norma fiscal, xa tivese sido deducido en períodos impositivos anteriores mediante a correspondente diminución ao resultado contable.Así mesmo, no suposto de transmisión do elemento que se acollese á liberdade de amortización, no período impositivo en que se transmita deberase incluír nesta casa o importe dos axustes negativos practicados con anterioridade e que aínda non se integrasen, con signo positivo na base impoñible.

  • Na casa [00306] de diminucións consignarase o exceso de amortización que sobre a amortización contable resulte deducible no período impositivo obxecto de declaración nos casos previstos na letra b) do artigo 12.3 do LIS.