Saltar ao contido principal
Manual práctico de Sociedades 2021

SICAV:Reducións de capital e distribución da prima de emisión

O artigo 17.6 da LIS establece que na redución de capital con devolución de achegas integrarase na base impoñible dos socios o exceso do valor de mercado dos elementos recibidos sobre o valor fiscal da participación.

A mesma regra se aplicará no caso de distribución da prima de emisión de accións ou participacións.

Non obstante, tratándose de operacións realizadas por sociedades de investimento de capital variable reguladas na Lei 35/2003, do 4 de novembro, de Institucións de Investimento Colectivo, non sometidas ao tipo xeral de gravame, o importe total percibido na redución de capital co límite do aumento do valor liquidativo das accións dende a súa adquisición ou subscrición ata o momento da redución de capital social, integrarase na base impoñible do socio sen dereito a ningunha dedución na cota íntegra.

Calquera que sexa a contía que se perciba en concepto de distribución da prima de emisión realizada polas devanditas sociedades de investimento de capital variable, integrarase na base impoñible do socio sen dereito a dedución ningunha na cota íntegra.

Aplicarase o anteriormente sinalado a organismos de investimento colectivo equivalentes ás sociedades de investimento de capital variable que estean rexistrados noutro Estado, con independencia de calquera limitación que tivesen respecto de grupos restrinxidos de investidores, na adquisición, cesión ou rescate das súas accións;en todo caso resultará de aplicación ás sociedades amparadas pola Directiva 2009/65/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xullo de 2009, pola que se coordinan as disposicións legais, regulamentarias e administrativas sobre determinados organismos de investimento colectivo en valores mobiliarios.

Cumprimentación do modelo 200

En aplicación do disposto no artigo 17.6 do LIS, o contribuínte deberá incluír na casa [00371] «SICAV:Reducións de capital e distribución da prima de emisión (art. 17.6 LIS)» da páxina 12 do modelo 200, as cantidades que deban integrar na súa base impoñible os socios (contribuíntes do Imposto sobre Sociedades) con motivo das reducións de capital con devolución de achegas e da distribución da prima de emisión realizadas polas sociedades de investimento de capital variable reguladas na Lei de Institucións de Investimento Colectivo non sometidas ao tipo xeral de gravame e polos organismos de investimento colectivo equivalentes ás devanditas sociedades que estean rexistrados noutro Estado.