Amortización acelerada de determinados vehículos
Con efectos para os períodos impositivos que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2023, a Lei 31/2022, do 23 de decembro, introduce na nova disposición adicional décimo oitava da LIS un suposto de amortización acelerada para os investimentos en vehículos novos FCV, FCHV, BEV, REEV ou PHEV, segundo definición do anexo II do Regulamento Xeral de Vehículos, aprobado por Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro, afectos a actividades económicas e que entren en funcionamento nos períodos impositivos que se inicien nos anos 2023, 2024 e 2025, que poderán amortizarse en función do coeficiente que resulte de multiplicar por 2 o coeficiente de amortización lineal máximo previsto nas táboas de amortización oficialmente aprobadas.
Con efectos do 30 de xuño de 2023, este suposto de amortización acelerada amplíase aos investimentos en novas infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, de potencia normal ou de alta potencia, nos termos definidos no artigo 2 da Directiva 2014/94/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de outubro de 2014, relativa á implantación dunha infraestrutura para os combustibles alternativos, afectas a actividades económicas, e que entren en funcionamento nos períodos impositivos que se inicien nos anos 2023, 2024 e 2025.
Para a aplicación deste suposto de amortización acelerada deberase achegar a documentación técnica preceptiva, segundo as características da instalación, en forma de Proxecto ou Memoria, prevista no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto e obter o certificado de instalación eléctrica dilixenciado pola Comunidade Autónoma competente.
Pode consultar as particularidades deste novo incentivo no Capítulo 5 deste Manual Práctico.