Cuestións a ter en conta na liquidación do Imposto en 2023
Informámosche das principais novidades para a Campaña de Sociedades 2023.
Amortización acelerada de determinados vehículos
Con efectos para os períodos impositivos que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2023, a Lei 31/2022, do 23 de decembro, introduce coa disposición adicional décimo oitava da LIS un novo suposto de amortización acelerada para os investimentos nos seguintes tipos de vehículos eléctricos, segundo definición de anexo II do Regulamento Xeral de Vehículos, aprobado por Real decreto 2822/1998, do 23 de decembro:
-
Vehículo eléctrico de células de combustible (FCV)
-
Vehículo eléctrico híbrido de células de combustible (FCHV)
-
Vehículo eléctrico de baterías (BEV)
-
Vehículo eléctrico de autonomía estendida (REEV)
-
Vehículo eléctrico híbrido enchufable (PHEV)
Os vehículos deben ser novos, estar afectos a actividades económicas e entrar en funcionamento nos períodos impositivos que se inicien nos anos 2023, 2024 e 2025.
Cumprindo os requisitos anteriores, poderán amortizarse en función do coeficiente que resulte de multiplicar por 2 o coeficiente de amortización lineal máximo previsto nas táboas de amortización oficialmente aprobadas.
Con efectos do 30 de xuño de 2023, consecuencia da modificación da disposición adicional décimo oitava da LIS polo artigo 190 do Real Decreto-lei 5/2023, este suposto de amortización acelerada amplíase aos investimentos en novas infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, de potencia normal ou de alta potencia, nos termos definidos no artigo 2 da Directiva 2014/94/UE do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de outubro de 2014, relativa á implantación dunha infraestrutura para os combustibles alternativos, afectas a actividades económicas, e que entren en funcionamento nos períodos impositivos que se inicien nos anos 2023, 2024 e 2025.
Para a aplicación deste suposto de amortización acelerada o contribuínte deberá :
-
Achegar a documentación técnica preceptiva, segundo as características da instalación, en forma de Proxecto ou Memoria, prevista no Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, elaborada polo instalador autorizado debidamente rexistrado no Rexistro Integrado Industrial, regulado no título IV da Lei 21/1992, do 16 de xullo, de Industria, e na súa normativa regulamentaria de desenvolvemento.
-
Obter o certificado de instalación eléctrica dilixenciado pola Comunidade Autónoma competente.