Novidades de normativa 2015
Saltar índice da informaciónReal decreto-lei 1/2015, do 27 de febreiro, de mecanismo de segunda oportunidade, redución de carga financeira e outra medidas de orde social. (BOE do día 28).
Publicouse no BOE con data 28 de febreiro de 2015 o Real decreto-lei 1/2015, do 27 de febreiro, de mecanismo de segunda oportunidade, redución de carga financeira e outra medidas de orde social, que introduce as seguintes novidades tributarias en materia do Imposto sobre Sociedades:
Redución de obrigas formais ás entidades parcialmente exentas reguladas no artigo 9.3 Lei 27/2014 de Imposto sobre Sociedades.
Para períodos impositivos que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2015, modifícase o artigo 124.3 Lei 27/2014 de Imposto sobre Sociedades (LIS) co obxecto de aliviar do cumprimento de obrigas formais ás entidades parcialmente exentas reguladas no artigo 9.3 LIS.
O artigo 7 do Real decreto-lei 1/2015 establece a exclusión da obriga de presentar declaración no imposto sobre sociedades ás entidades parcialmente exentas, que cumpran determinados requisitos, sempre que non estean suxeitas á Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado, nin se trate de partidos políticos.
Quedan excluídas da obriga de declarar polo imposto sobre sociedades as entidades parcialmente exentas do artigo 9.3 LIS, cuxos ingresos totais do período impositivo non superen 50.000 euros anuais, sempre que o importe total dos ingresos correspondentes a rendas non exentas non supere 2.000 euros anuais e que todas as súas rendas non exentas estean sometidas a retención.
As entidades parcialmente exentas do imposto sobre sociedades reguladas no artigo 9.3 LIS son as seguintes:
- As entidades e institucións sen ánimo de lucro, ás que non resulte de aplicación o réxime fiscal regulado no título II da Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenado.
- As unións, federacións e confederacións de cooperativas.
- Os colexios profesionais, as asociacións empresariais, as cámaras oficiais e os sindicatos de traballadores.
- Os fondos de promoción de emprego constituídos ao abeiro do artigo vinte e dous da Lei 27/1984, do 26 de xullo, sobre reconversión e reindustrialización.
- As mutuas colaboradoras da Seguridade Social, reguladas no Texto refundido da lei xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño.
- As entidades de dereito público Portos do Estado e as respectivas das comunidades autónomas, así como as autoridades portuarias.
O artigo 124.3 LIS queda redactado da seguinte forma:
3. Os contribuíntes a que se refiren as alíneas 2, 3 e 4 do artigo 9 desta lei estarán obrigados a declarar a totalidade das súas rendas, exentas e non exentas.
Non obstante, os contribuíntes a que se refire a alínea 3 do artigo 9 desta lei non terán obriga de presentar declaración cando cumpran os seguintes requisitos:
- Que os seus ingresos totais non superen os 50.000 euros anuais.
- Que os ingresos correspondentes a rendas non exentas non superen os 2.000 euros anuais.
- Que todas as rendas non exentas que obteñan estean sometidas a retención.