Saltar ao contido principal
Memoria 2020

4.2.1. Control sobre tributos internos

As actuacións de control sobre tributos internos engloban as seguintes actuacións, excluíndo os referentes a impostos especiais, ambientais e os que recaen sobre o comercio exterior:

  • Actuacións inspectoras sobre tributos internos.
  • Control xestor sobre a xeneralidade dos contribuíntes e control sobre contribuíntes incluídos no sistema de tributación por módulos.
  • Control xestor sobre grandes empresas.

As actuacións de control inspector teñen por finalidade detectar e regularizar os incumprimentos máis complexos e perseguir as formas máis sofisticadas de fraude. O seu carácter selectivo faias recaer sobre os contribuíntes que presentan un risco fiscal máis elevado.

Estas actuacións son realizadas polos órganos das Delegacións Especiais e polos órganos da Delegación Central de Grandes Contribuíntes que teñen encomendado o desenvolvemento da inspección tributaria.

A súa realización ten un gran compoñente investigador e require, en xeral, unha revisión exhaustiva da situación tributaria do contribuínte obxecto de actuación inspectora, para o cal os órganos que as levan a cabo están dotados das máis amplas facultades que a normativa atribúe á Administración Tributaria.

O control xestor ten por finalidade a detección e corrección de erros e incumprimentos menos complexos e caracterízase porque se dirixe á xeneralidade de contribuíntes con ocasión de campañas anuais, con forte apoio na información dispoñible e no sistema informático que a analiza. Refírese a obrigas individualmente consideradas, está baseado en controis formais e de tipo documental, sen revisión da contabilidade mercantil do contribuínte, e é realizado normalmente desde as propias oficinas.

O control xestor realízase polos correspondentes órganos das Delegacións Especiais, da Delegación Central de Grandes Contribuíntes e, se é o caso, da Oficina Nacional de Xestión Tributaria.

Canda estes controis, compútanse as actuacións xestoras sobre as grandes empresas, que son aquelas cuxo volume de operacións supera a cifra de 6,01 millóns de euros durante o ano natural inmediato anterior, calculado conforme ao artigo 121 da Lei 37/1992, do 28 de decembro, do Imposto sobre o Valor Engadido, o que determina que teñan unhas obrigas fiscais específicas e distintas do resto dos obrigados tributarios.

Estas actuacións realízanse polos órganos da área de Inspección Financeira e Tributaria, a través das Unidades de Xestión de Grandes Empresas (UGGES) no ámbito das Delegacións Especiais, así como polas Unidades de Xestión e a Unidade de Control Tributario e Aduaneiro, integradas respectivamente na Dependencia de Asistencia e Servizos Tributarios e na Dependencia de Control Tributario e Aduaneiro da Delegación Central de Grandes Contribuíntes.

As actuacións de control xestor sobre as grandes empresas son, entre outras, a comprobación das devolucións previstas na normativa tributaria e a realización de actuacións de verificación de datos e de comprobación limitada que poden dar lugar ás subseguintes liquidacións.

Canda as anteriores actuacións de comprobación tamén se inclúen neste indicador as actuacións de investigación e as de carácter auxiliar.

En 2020 desenvolvéronse máis de 1,62 millóns de actuacións de control de tributos internos, de que a gran maioría foron actuacións de comprobación, 1,56 millóns. Desa cifra global de comprobacións, 29.567 actuacións nominais dirixíronse a grandes empresas, multinacionais e grupos fiscais, patrimonios de persoas físicas, abusos societarios e economía mergullada, consumindo este tipo de actuacións un elevado número de recursos, caracterizados, ademais, pola súa alta cualificación.

A lixeira diminución do número de actuacións con respecto a 2019 obedece principalmente á dificultade de realización das visitas presenciais aos contribuíntes como consecuencia da pandemia, pero, en todo caso, apréciase un mantemento das actuacións da Axencia Tributaria neste ano 2020 en que a actividade da Axencia viuse afectada polas circunstancias excepcionais motivadas pola situación sanitaria.

Actuacións inspectoras sobre tributos internos

Estas actuacións comprenden todas as realizadas polos órganos da área de Inspección Financeira e Tributaria das Delegacións Especiais e da Delegación Central de Grandes Contribuíntes, en exercicio das funcións administrativas atribuídas á inspección tributaria polo artigo 141 da Lei Xeral Tributaria.

As devanditas actuacións poden ser de comprobación, de investigación ou de carácter auxiliar.

O importe total de débeda liquidada en 2020 ascendeu a 3.423, millóns de euros. Neste importe recóllese tanta débeda instruída e liquidada no propio exercicio 2020, como débeda instruída en exercicios anteriores e liquidados en 2020, non computandose, porén, a débeda instruída no exercicio, pero contida en actas que non se confirmasen á finalización do exercicio 2020.

Dentro das actuacións desenvolvidas pola Inspección no ámbito de control de tributos internos, destacan:

  • Control de grandes patrimonios: desde a súa creación en 2018, a Unidade Central de Coordinación do Control de Patrimonios Relevantes (UCCCPR) da Oficina Nacional de Investigación da Fraude, centrou os seus esforzos na elaboración dun “censo” completo de obrigados tributarios de alta capacidade económica, a delimitación dos seus riscos ou fraudes fiscais específicos, o estudo e desenvolvemento dos mecanismos de investigación e selección axeitada para detectar os devanditos riscos en contribuíntes concretos e o impulso de iniciativas en materia de obtención e / ou xestión eficaz de información relevante. Durante 2020, efectuouse un importante esforzo en materia de actuacións de comprobación de continxencias tributarias asociadas a obrigados tributarios que figuran como titulares dun patrimonio relevante. Este tipo de comprobacións inspectoras xerou como resultado débedas liquidadas por importe de 437 millóns de euros en 742 expedientes. Estas cifras compleméntanse coa análise das bases impoñibles e cotas declaradas no IRPF polos contribuíntes con patrimonios relevantes.

  • Actuacións sobre a economía mergullada, centradas en:

    • Descubrimento de vendas ocultas, con máis de 2100 actuacións en que se logrou pór de manifesto a existencia de vendas que o contribuínte ocultara á Administración tributaria.
    • Entradas e rexistros con Unidades de Auditoría Informática, que, ademais de facilitar o descubrimento de rendas ocultas mediante a análise do software de dobre uso utilizado na xestión e contabilidade de actividades económicas, resultan sumamente eficientes desde o punto de vista da obtención de probas e do tempo de duración das comprobacións. Cómpre destacar que a participación destas Unidades especializadas, ademais de facilitar o descubrimento de rendas ocultas mediante a análise de software de dobre uso utilizado na xestión e contabilidade de actividades económicas, resulta sumamente eficiente desde o punto de vista da obtención de probas e do tempo de duración das comprobacións.
    • Actuacións coordinadas, consistentes no inicio de forma simultánea de actuacións de comprobación e investigación, mediante comparecencia e con participación das Unidades de Auditoría Informática, e que perseguen non só o descubrimento de vendas ocultas nos obrigados tributarios inspeccionados, senón tamén favorecer o cumprimento voluntario mediante a transmisión dunha mensaxe ao colectivo de empresarios do sector para que reconduzan a súa conduta tributaria.
  • Actuacións de explotación de información internacional procedente de DAC1, CRS, DAC2 e FATCA. En concreto, en 2020 a ONIF intercambiou de forma automática información con outros países e xurisdicións relativas ás seguintes categorías:

    • Información sobre rendas do traballo, rendas de conselleiros, rendas de pensións, rendas de produtos de seguros sobre a vida, así como sobre a titularidade e rendas inmobiliarias (Rendas OCDE e DAC1)
    • Información sobre contas financeiras no estranxeiro (CRS, FATCA e DAC2)
    • Informes país por país (CBC e DAC4)
    • Información sobre consultas e acordos tributarios previos con efectos transfronteirizos e sobre prezos de transferencia (DAC3)
    • Comezouse a recibir información sobre mecanismos con efectos transfronteirizos de planificación fiscal (DAC6)
  • Actuacións sobre pequenas empresas a través de procedementos especializados no tamaño das entidades e as características dos seus riscos fiscais, mediante o impulso de comprobacións abreviadas.

Fiscalidade internacional

Ao longo de 2020, a Oficina Nacional de Fiscalidade Internacional (ONFI) contribuíu coa súa importante función na loita contra a fraude e a evasión fiscal internacional. A actividade da Oficina concentrouse tanto en actuacións propiamente inspectoras, finalizando 263 actuacións, como na relevante asistencia dos seus funcionarios a grupos de traballo en organizacións internacionais, fundamentais en materia de fiscalidade internacional, así como participación en funcións de planificación de acción inspectora.

As citadas actuacións inspectoras inclúen as de apoio e colaboración en procedementos inspectores, a instrución de acordos previos de valoración de operacións vinculadas (ALA) e a negociación en procedementos amigables en materia de imposición directa, entre outras.

A ONFI desenvolve actuacións de apoio e colaboración en procedementos inspectores, centradas en cuestións complexas en materia de fiscalidade internacional. Esta actividade ten especial transcendencia no ámbito das actuacións inspectoras da Delegación Central de Grandes Contribuíntes. En 2020, a ONFI colaborou en 179 comprobacións inspectoras, das que se finalizaron 82, supondo axustes en base impoñible, estimados arredor de 3.076 millóns de euros. No exercicio precedente, participouse en 142 actuacións inspectoras, das que se finalizaron 74, cun importe total de axustes en base impoñible de máis de 1.800 millóns de euros.

En relación cos ALA (acordos previos de valoración de operacións vinculadas), a actuación da ONFI persegue, a través destes acordos previos en materia de prezos de transferencia, reducir a litixiosidade e mellorar a seguridade xurídica do contribuínte, garantindo unha recadación acorde co esixido pola lei. En 2020, a ONFI participou na xestión de 203 expedientes. Dese total, finalizáronse 71, fronte aos 66 do ano 2019, sendo estimados 54 fronte aos 25 do ano 2019, desestimados 8, en 7 casos produciuse a desistencia dos solicitantes e en 2 seu inadmisión. Os ALA estimados en 2020 permitiron garantir bases impoñibles (en xeral, nos catro exercicios seguintes) por un valor estimado superior aos 3.477 millóns de euros, fronte aos aproximadamente 2.100 millóns garantidos nos ALA estimados en 2019.

Pola súa parte, o pasado ano 2020, a ONFI participou en 427 procedementos amigables en materia de imposición directa, cifra que se incrementou notablemente nos últimos anos: 251 en 2017, 307 no ano 2018 e 371 en 2019. A actuación da ONFI persegue, nestes procedementos, a eliminación da dobre imposición económica xerada en actuacións inspectoras e, simultaneamente unha axeitada defensa das bases impoñibles españolas tanto en regularizacións con alcance transfronteirizo realizadas pola Administración española, como nas efectuadas polas administracións doutros países. Dese total de procedementos, en 2020 finalizáronse 110, fronte aos 108 do 2019. As bases impoñibles afectadas polos procedementos amigables en 2020 ascenderon a máis de 200 millóns de euros, sendo esta cifra de máis de 800 no ano 2019.

Control xestor sobre tributos internos

O control xestor ten por finalidade a detección e corrección de erros e incumprimentos menos complexos. Diríxese, partindo da información de que dispón a Axencia Tributaria, a verificar, con carácter xeral, todas as obrigas tributarias consideradas individualmente. Baséase, fundamentalmente, en procesos informáticos e en controis de tipo documental (sen revisión da contabilidade mercantil do contribuínte), realizados normalmente nas propias oficinas.

O control xestor realízase polos órganos de Xestión Tributaria; pola Dependencia de Asistencia e Servizos Tributarios respecto dos contribuíntes adscritos á Delegación Central de Grandes Contribuíntes (DCGC) e polas Unidades de Xestión de Grandes Empresas, dependentes da área de Inspección Financeira e Tributaria, respecto dos contribuíntes sobre os que se exerzan as súas competencias (entre outros, aqueles sobre os que a DCGC non exerza a súa competencia pero cuxo volume de operacións supere a cifra de 6,01 millóns de euros durante o ano natural inmediatamente anterior.

Imposto sobre a renda das persoas físicas

As actuacións de control xestor sobre este imposto finalizado en 2020, independentemente do ano de inicio e da campaña de referencia, foron 722.148, un 0,4% menos que en 2019.

Ademais, e no marco dese imposto, realizáronse 147.648 liquidacións por control de retencións, un 52,5% máis que en 2019.

Os resultados obtidos reflíctense no Cadro nº 33. Actuacións de control no Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas  (Anexo).Nova xanela

Imposto sobre Sociedades e Imposto sobre o Valor Engadido

Durante 2020, as actuacións finalizadas ao longo de todo o ano desenvolvido en relación co Imposto de Sociedades acadaron as 58.689 actuacións (un 6,6% máis que en 2019), e as do Imposto Sobre o Valor Engadido as 318.966 (un 0,6% máis que en 2019). Ás cifras do Imposto de Sociedades habería que engadir 26.554 liquidacións por pagamentos fraccionados (un 6,4% máis que en 2019).

Con respecto aos contribuíntes inscritos no rexistro de devolucións mensuais de IVE, as actuacións realizadas ao longo de todo 2020 foron 19.632, fronte ás 18.067 do ano anterior. O que supón un crecemento do 8,7 %.

Actuacións sobre contribuíntes en Módulos

No caso de contribuíntes sometidos ao réxime de estimación obxectiva, e baixo o criterio de actuacións finalizadas en 2020, independentemente do ano de inicio e da campaña de referencia, realizáronse 13.046 actuacións, fronte ás 18.390 realizadas en 2019 (un 29% menos).

Os resultados obtidos recóllense no Cadro nº 34. Resultados no réxime de Módulos  (Anexo).Nova xanela

Comprobación de declaracións periódicas

Partindo do censo de empresarios, profesionais e retenedores realízase un control automatizado do cumprimento das obrigas de presentación de autoliquidacións periódicas (do Imposto sobre o Valor Engadido e das retencións e dos pagamentos fraccionados).

Durante 2020 emitíronse un total de 515.442 cartas e requirimentos, atendendo, ademais, 36.981 trámites de audiencia e xerandose en total 37.158 autoliquidacións inducidas presentadas por un importe de 43,3 millóns de euros.

Tamén se realizaron 36.537 liquidacións por pagamentos fraccionados de IRPF, Imposto sobre Sociedades e réxime simplificado de IVE, por un importe de 40,4 millóns de euros.

Estas cifras forman parte das cifras totais anuais de liquidacións de cada un dos impostos referidos.

Minoración de bases impoñibles negativas

Durante 2020 a Axencia Tributaria traballou na comprobación de bases impoñibles negativas ou deducións en cota a compensar en futuros exercicios no ámbito do Imposto de Sociedades, procedendo a verificar a existencia do seu saldo, a súa exactitude e a orixe do mesmo. Estas actuacións, aínda que poden non ter o seu reflexo en termos de caixa no exercicio de comprobación, redundan positivamente na recadación bruta e líquida de futuros exercicios. En 2020, os resultados destas actuacións acadaron a cifra de 2.896 millóns de euros, dos que a parte fundamental deriva de actuacións inspectoras.