Adquisicións e entregas intracomunitarias
Que son e como tributan
No ámbito do IVE utilízanse os termos “adquisicións intracomunitarias” e “entregas intracomunitarias” unicamente cando se trata de compras e vendas a países membros da Comunidade Europea. Este tipo de operacións tributan no Estado membro de destino e infórmanse no modelo 349. Hai que ter en conta que, para os efectos do imposto, Canarias, Ceuta ou Melilla non se consideran territorio da Comunidade (art. 6 Directiva 2006/112/ CE ).
Adquisición intracomunitaria é a compra por empresarios de bens transportados polo vendedor (outro empresario), o comprador ou un terceiro en nome e conta dos anteriores desde outro Estado membro á Península e Illas Baleares. O IVE liquídase con carácter xeral no modelo 303 onde o adquirente declarará o IVE español reportado da operación que, pola súa parte, poderá deducir cando se cumpran os requisitos establecidos (artigos 92 e sig. Lei 37/1992).
Tamén son adquisicións intracomunitarias:
-
A compra de bens procedentes doutro Estado membro cando o vendedor sexa empresario e o comprador unha persoa xurídica non empresario e o importe das adquisicións procedentes dos demais Estados membros supere os 10.000 euros.
-
A compra de medios de transporte novo, procedentes doutro Estado membro, calquera que sexa o vendedor e o destinatario (incluídos particulares).
-
A recepción de bens do propio empresario desde outro Estado membro (transfer).
Non son adquisicións intracomunitarias, entre outras:
-
As compras efectuadas nun Estado membro que tributen polo réxime especial de bens usados, obxectos de arte, antigüidades e obxectos de colección. Estas operacións tributan no Estado de orixe.
-
As compras efectuadas a un empresario que se beneficie do réxime de franquía no Estado membro desde o que se inicia o transporte.
-
As vendas a distancia.
-
As compras efectuadas nun Estado membro de bens que son instalados en Península ou Baleares antes da súa entrega. Estas operacións tributan polo IVE español.
Entrega intracomunitaria é a entrega de bens transportados a outro Estado membro da Comunidade Europea polo vendedor (empresario), o adquirente ou un terceiro en nome e conta dos anteriores, cando o comprador é un empresario, profesional ou persoa xurídica non empresaria, pero identificada para os efectos do IVE nun Estado membro distinto de España. Esta operación está exenta de IVE, atribuíndo o dereito a deducir o IVE soportado nas adquisicións de bens e servizos que se afectan a esta actividade (exención plena).
Tamén son entregas intracomunitarias:
-
As entregas de medios de transporte novo, destinados a outro Estado membro, calquera que sexa o vendedor e o destinatario (incluídos particulares).
-
As transferencias de bens do propio empresario para afectaro á súa actividade noutro Estado membro
Non deben confundirse as entregas intracomunitarias coas vendas a distancia, cuxos destinatarios son particulares.