Novidades de normativa 2019
Saltar índice da informaciónModificación do Regulamento de Execución (UE) nº 282/2011: empresarios que facilitan vendas a distancia ou servizos a particulares a través do uso de interfaces electrónicas, aplicable a partir do 1 de xaneiro de 2021
O 4 de decembro publícase no DOUE o Regulamento de Execución (UE ) 2019/2026 do Consello, do 21 de novembro de 2019, polo que se modifica o Regulamento de Execución (UE) nº 282/2011 no que fai ás entregas de bens ou as prestacións de servizos facilitadas por interfaces electrónicas e aos réximes especiais aplicables aos suxeitos pasivos que presten servizos a persoas que non teñan a condición de suxeitos pasivos ou que realicen vendas a distancia de bens ou determinadas entregas nacionais de bens.
Aplicable a partir do 1 de xaneiro de 2021, este Regulamento establece:
-
En que casos o provedor interveu de maneira indirecta no transporte dos bens, considerando que os bens foron transportados por el mesmo ou pola súa conta aos efectos de tributar a entrega como venda intracomunitaria a distancia ou venda a distancia de bens importados.
-
En que casos non se considera que un empresario facilita a entrega de bens ou a prestación de servizos mediante unha interface electrónica.
-
En que momento o pagamento polo cliente pode considerarse aceptado ao obxecto de determinar en que período impositivo teñen que declararse as entregas realizadas por empresarios que faciliten as entregas de bens na Comunidade mediante o uso dunha interface electrónica ou por calquera empresario que faga uso do réxime especial aplicable ás vendas a distancia de bens importados.
-
Que tipo de información debe conservarse nos rexistros dos suxeitos pasivos que faciliten as entregas de bens e as prestacións de servizos na Comunidade mediante o uso dunha interface electrónica.
-
Presuncións iuris tantum sobre a condición de empresario dos provedores que venden a través dunha interface electrónica e a condición de particular dos seus clientes.
Así mesmo, este Regulamento de Execución, directamente aplicable sen necesidade de transposición por parte do Estado membros:
-
Exime aos empresarios que facilitan unha venda a través dunha interface electrónica de responsabilidade adicional polo IVE cando a información recibida sexa incorrecta e actuen de boa fe
-
Precisa que o número de identificación asignado a un intermediario que actúe en nome e por conta dun suxeito pasivo que utilice o réxime de importación é unha autorización que lle permite actuar como intermediario e que non pode ser utilizada para declarar o IVE sobre as operacións que realice el mesmo.
-
Suprime a exclusión dos réximes especiais durante dous trimestres para aqueles empresarios que deixasen de usalos voluntariamente.
-
Establece que as rectificacións das declaracións de IVE dos réximes especiais, tras a exclusión dos mesmos, deben facerse directamente ante as autoridades tributarias dos Estados membros de consumo correspondente.
-
Aclara que non é preciso incluír o nome do cliente nos rexistros que teñen que levar os suxeitos pasivos que fagan uso dun réxime especial. Non obstante, a fin de facilitar o control das entregas, cómpre conservar a información sobre as devolucións de bens e os números de expedición ou de transacción.
-
Especifica que a liquidación mensual do IVE sobre as importacións de acordo co réxime especial poderá estar suxeita ás condicións habituais aplicadas en virtude do Dereito aduaneiro para autorizar o adiamento do pagamento dos dereitos de importación. Por outra banda, a aplicación do réxime especial non obriga os Estados membros a esixir que a persoa que presente os bens en aduana conte coa autorización da persoa á que se destinan os mesmos.