Análise da asistencia e información en materia recadadora
Os órganos de Recadación da Axencia Tributaria desenvolven un constante labor de impulso do cumprimento voluntario por parte dos contribuíntes mediante a mellora dos mecanismos que se pon á súa disposición.
Así, desde o Departamento de Recadación apóstase polo avance continuo na asistencia e información á cidadanía, a través de medios telefónicos e electrónicos cada vez de maior calidade e cun carácter personalizado, así como pola especialización dos recursos humanos dedicados a estas funcións. Mostra diso é o Centro de Atención Telefónica de Recadación, proxecto denominado REC@T (teléfono 91 553 68 01 dispoñible de luns a venres laborables de 09:00 a 14:00 horas), que xa desde os seus inicios caracterizouse por constituír un fito na atención non presencial. O REC@T completa os servizos de asistencia telefónica na área de Recadación.
Calquera persoa, física ou xurídica, pode utilizar este servizo de atención telefónica e realizar trámites e actuacións en materia recadadora. Grazas a que se trata dunha canle telefónica, o contribuínte pode evitar desprazamentos e recibir atención de forma máis rápida, o que permite, ao mesmo tempo, reducir as cargas administrativas derivadas do cumprimento das súas obrigas. Ademais, o sistema de atención ao cidadán está dotado dun control de calidade específico e innovador que avalía a correcta atención ás persoas que o utilizan e o rendemento do sistema.
Todo iso converte ao REC@T nun servizo que une boas prácticas tributarias e un trato exquisito aos cidadáns, a quen atende con rapidez o persoal máis especializado en materia recadadora.
No ano 2021, o REC@T atendeu máis de 580.000 chamadas e utilizouse para realizar 60.000 pagamentos telefónicos.
En xeral, este servizo de atención telefónica de Recadación, REC@T, facilita a realización dos seguintes trámites e actuacións de asistencia e información :
-
Pagamento telefónico de débedas / Xeración de documentos de ingreso.
-
Solicitude de adiamento / fraccionamento de pagamento de débedas en vía executiva.
-
Formalización do requirimento de datos sobre a conta bancaria de domiciliación de adiamento ou fraccionamento de pagamento de débedas.
-
Modificación da conta de domiciliación bancaria de solicitudes e acordos de adiamento ou fraccionamento de pagamento.
-
Solicitude de compensación de débedas en vía executiva con créditos tributarios.
-
Información e consulta sobre as débedas apremadas.
-
Información e consulta sobre actuacións e dilixencias de embargo de contas correntes, soldos, salarios e pensións, créditos, vehículos e devolucións tributarias, e xeración de documentos de ingreso.
A información e asistencia que ofrece o Departamento de Recadación non se limita ao servizo de atención telefónica, tamén ofrece tres ferramentas de axuda, ou asistentes virtuais, coas que se poden calcular os prazos de pagamento de calquera débeda, os intereses aplicables ás débedas ou o importe que se pode embargar do teu soldo ou pensión para o pagamento da débeda pendente.
No apartado “Máis sobre a Axencia Tributaria ”desta newsletter podes consultar as utilidades destas ferramentas canda vídeos que explican como utilizaras.