Os créditos con avais públicos do Instituto de Crédito Oficial nos mecanismos preconcursais e concursais
A Lei 16/2022, do 5 de setembro, de reforma do texto refundido da Lei Concursal, estableceu, na súa disposición adicional oitava, a regulación da especialidade que supón a afectación dos diferentes mecanismos concursais e preconcursais aos créditos con avais do Instituto de Crédito Oficial (ICO ) outorgados en virtude dos Reais Decretos-leis 8/2020, do 17 de marzo, de medidas urxentes extraordinarias para facer fronte ao impacto económico e social do COVID-19 , 25/2020, de 3 xullo, de medidas urxentes para apoiar a reactivación económica e o emprego, e 6/2022, do 29 de marzo, polo que se adoptan medidas urxentes no marco do Plan Nacional de resposta ás consecuencias económicas e sociais da guerra en Ucraína.
O especial réxime de cobranza aplicable aos créditos con avais outorgados polo ICO ao abeiro dos mencionados Reais Decretos-leis contémplase, con carácter xeral, no artigo 16 do Real Decreto-lei 5/2021, do 12 de marzo, aplicandose nos procedementos previstos no texto refundido da Lei Concursal as especialidades recollidas na citada disposición adicional oitava da Lei 16/2022, do 5 de setembro.
Respecto dos devanditos créditos, contémplase a súa regulación específica e a intervención da Axencia Tributaria de forma diferente en función do concreto mecanismo que se estea empregando para intentar afectar aos mesmos. Así, en particular, distínguense na norma dous sistemas.
No primeiro deles , cando se trata de realizar a votación respecto de plans de reestruturación (mecanismo preconcursal) que inclúan os devanditos créditos, o dereito de voto é competencia da entidade financeira titular do crédito principal avalado, que o exercerá de forma separada pola parte avalada e pola parte non avalada polo ICO.
Non obstante, na parte do crédito principal que foi avalada polo ICO, o voto favorable ao plan por parte da entidade financeira está supeditado á previa autorización da persoa titular do Departamento de Recadación da Axencia Tributaria.
A disposición adicional oitava do texto refundido da Lei Concursal foi modificada polo Real Decreto-lei 20/2022, do 27 de decembro, para clarificar que non sería necesaria tal autorización cando se cumpran os requisitos previstos nos Acordos do Consello de ministros adoptados ao abeiro do Marco Temporal Europeo e o artigo 16.2 do Real Decreto-lei 5/2021, do 12 de marzo, que establecían autorizacións xerais ás entidades financeiras para que puidesen conceder unhas condicións máis favorables para a devolución dos créditos avalados polo ICO (principalmente, a extensión do prazo de vencemento dos avais a oito ou dez anos, segundo os casos) sempre que se cumprisen determinados requisitos.
Concretamente, o Acordo do Consello de ministros do 21 de xuño de 2022 instruíu o ICO a que estendese, cando se cumprisen as condicións establecidas no seu anexo I, o vencemento dos avais outorgados a empresas e autónomos en virtude do artigo 29 do Real Decreto-lei 8/2020, do 17 de marzo, e do artigo 1 do Real Decreto-lei 25/2020, establecendo que o prazo máximo do aval desde a data de formalización da operación avalada non poderá exceder de dez anos no caso dos avais que cumpran as condicións para os importes limitados de axuda do apartado 3.1 do Marco Temporal Europeo, nin de oito anos para os avais que cumpran as condicións establecidas para as garantías de préstamos de conformidade co apartado 3.2 do Marco Temporal Europeo. Polo tanto, se concorren as devanditas circunstancias, non é preciso para as entidades financeiras obter autorización da persoa titular do Departamento do Departamento de Recadación da Axencia Tributaria para votar a favor dos plans de reestruturación. A devandita autorización si será necesaria no resto dos casos, debendo precisamente certificar as entidades financeiras, no momento de presentar a solicitude de autorización á Axencia Tributaria, o incumprimento das condicións anteriormente mencionadas e anexar un informe motivado que xustifique a súa proposta.
Doutra banda, o segundo sistema é o aplicable nos casos de plans de continuación no procedemento especial para microempresas ou concursos de acredores, en que o dereito de voto, así como a adhesión ou oposición ás propostas de convenio, na parte do crédito principal avalado polo ICO, é competencia da Axencia Tributaria.
Nestes casos, o auto de declaración de concurso e o auto de apertura do procedemento especial para microempresas do debedor avalado producen a subrogación do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital pola parte do crédito principal avalado.
Tanto as autorizacións previas nos casos de plans de reestruturación, como os votos a plans de continuación e as adhesións ou oposicións a propostas de convenio realizado pola Axencia Tributaria enténdense emitidas exclusivamente respecto dos créditos derivados dos avais públicos e terán os exclusivos efectos previstos na citada disposición adicional oitava do texto refundido da Lei Concursal, sen prexuízo das ulteriores responsabilidades que puidesen resultar de procedementos administrativos ou xudiciais, e non afectarán nin vincularán ao dereito de voto derivado dos restantes créditos públicos cualificados como ordinarios cuxa xestión corresponda á Axencia Tributaria no procedemento de que se trate.