Novidades da Lei 13/2023, do 24 de maio, na normativa tributaria
Publicouse a Lei 13/2023, do 24 de maio, pola que se modifican a Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, en transposición da Directiva (UE) 2021/514 do Consello do 22 de marzo de 2021, pola que se modifica a Directiva 2011/16/UE relativa á cooperación administrativa no ámbito da fiscalidade, e outras normas tributarias.
As modificacións introducidas na Lei Xeral Tributaria teñen por obxecto, entre outras:
-
a transposición da Directiva (UE) 2021/514 do Consello, do 22 de marzo de 2021, pola que se modifica a Directiva 2011/16/UE relativa á cooperación administrativa no ámbito da fiscalidade, coñecida como DAC 7, establecendo unha nova obriga de información respecto dos operadores das plataformas dixitais ou o réxime das inspeccións conxuntas;
-
introdúcese a figura da autoliquidación rectificativa pola que o obrigado tributario poderá rectificar, completar ou modificar a autoliquidación presentada con anterioridade, con independencia do resultado da mesma, que substituirá, naqueles tributos en que así se estableza, a presentación de declaracións complementarias e de solicitudes de rectificación;
-
no procedemento de comprobación limitada, co fin de mellorar a súa efectividade, recoñécese a facultade da Administración tributaria de comprobar a contabilidade mercantil, aos sos efectos de constatar a coincidencia entre o que figure nela e a información que obre en poder da Administración;
-
modifícase o réxime da obriga de información de determinados mecanismos de planificación fiscal co fin de dispensar da obriga de información polo deber de segredo profesional a determinados intermediarios.
A Lei 13/2023, do 24 de maio, tamén modifica outras normas tributarias, como son as leis reguladoras dos Impostos sobre Sociedades, sobre o Valor Engadido ou sobre a Renda de non Residentes.
No ámbito do Imposto sobre Sociedades, dáse unha nova redacción da regra de limitación de deducibilidade de gastos financeiros contida no artigo 16 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do Imposto sobre Sociedades.
En relación co Imposto sobre o Valor Engadido, establécese que nos supostos de abandono do réxime de depósito distinto do aduaneiro dos bens obxecto de Impostos Especiais realizarase unha operación asimilada a unha importación e non unha importación de bens; por iso, tamén se modificou a base impoñible das importacións de bens e das operacións asimiladas ás importacións de bens. Ademais, permítese aos empresarios e profesionais que teñan a sede da súa actividade económica nas Illas Canarias, Ceuta ou Melilla acollerse ao réxime de importación do comercio electrónico no IVE, sen necesidade de contar, como ata agora, cun representante establecido na Comunidade.
No Imposto sobre a Renda de Non Residentes, as modificacións que se introducen buscan completar a transposición da Directiva (UE) 2017/1852 do Consello, do 10 de outubro de 2017, relativa aos mecanismos de resolución de litixios fiscais na Unión Europea.
As modificacións introducidas pola Lei 13/2023, do 24 de maio, teñen por obxecto mellorar o marco existente para o intercambio de información e a cooperación administrativa na Unión Europea, así como ampliar a cooperación administrativa a ámbitos novos, co fin de abordar os desafíos que propón a dixitalización da economía e axudar ás administracións tributarias a xestionar os impostos dunha forma mellor e máis eficiente. Ademais, as novas medidas permiten seguir avanzando na asistencia ao contribuínte e na mellora da xestión tributaria, coa mencionada nova figura da autoliquidación rectificativa e co desenvolvemento de procedementos de comprobación máis eficaces.
Podes consultar o texto íntegro da Lei na seguinte ligazón: Lei 13/2023, do 24 de maio.