Evolución e perspectivas de futuro na Campaña de Renda
A presentación da declaración de Renda é a principal actuación que moitos cidadáns deben realizar para cumprir coas súas obrigas tributarias. A Axencia Tributaria, consciente diso , planifica todos os anos unha Campaña de Renda en que o contribuínte é o centro de atención e, polo tanto, própónse como obxectivo primordial facilitar en todo o posible o cumprimento desta obriga, prestando asistencia personalizada a aqueles que a soliciten, e pola vía que a soliciten (telefónica ou presencial), e pondo, doutra banda, a disposición dos contribuíntes que o desexen as ferramentas que lles permitan realizar por si mesmos a declaración. Este propósito, e non outro, é o que impulsou sempre a mellora constante dos sistemas de axuda para a confección da declaración de Renda, o que supuxo adoptar medidas encamiñadas, por unha parte, a facilitar a formalización da declaración e, por outra, a axilizar a tramitación dos millóns de declaracións que se presentan cada ano (xa máis de 22 millóns), e así poder efectuar as devolucións coa maior celeridade que sexa posible.
Cada un dos cambios adoptados están residenciados nunha análise profunda de carácter social, funcional, técnico e tamén xurídico, que supuxo unha evolución constante nas formas de confección e presentación da declaración, que parte, fai xa máis de 40 anos, coa presentación a través de formularios en papel preimpreso, e continúa coa posta a disposición do programa "PAI" de axuda, o desenvolvemento do borrador de declaración, ata chegar ao actual sistema de Renda WEB que se pode utilizar en calquera dispositivo.
Estas melloras, como non pode ser doutra maneira, viñeron da man dos avances tecnolóxicos, que facilitan a aplicación da normativa tributaria, e permiten superar a dificultade para confeccionar de forma manual a declaración do imposto.
Neste contexto, de evolucionar para mellorar, analizouse como decisión estratéxica no funcionamento do sistema tributario español a conveniencia da supresión do papel, tendo en conta, entre outros moitos análise, que na Campaña de Renda 2012 só o 0,18% dos contribuíntes cubriran a man a súa declaración, e que destas declaracións cumprimentadas a man o 60% tiñan erros que implicaban requirimentos ao contribuínte e molestias innecesarias cando se trataba, por exemplo, de cálculos aritméticos, evitables mediante o uso de programas de axuda, o que incidía directamente en atrasos na emisión da devolución que lle puidese corresponder e no aumento de cargas administrativas.
Non obstante, recentemente, distintos foros éstánse facendo eco da denominada medida de: "recente supresión do papel en Renda". Estas informacións son incorrectas, xa que a primeira Campaña de Renda en que xa non existía a presentación en papel, entendida como formalización manual por parte dos contribuíntes dos impresos da declaración de IRPF, foi a Campaña de Renda de 2013. Polo tanto, o cambio recente non é; a confección de declaracións en papel desapareceu no ano 2014, para a Campaña de Renda de 2013, medida establecida na Orde HAP/455/2014, do 20 de marzo, que aprobaba o modelo de IRPF para o exercicio 2013.
Nas campañas sucesivas fóronse realizando avances encamiñados a mellorar cada ano o programa ou formulario de axuda na presentación da Renda. As medidas de información e asistencia fóronse actualizando, e traballouse, e séguese traballando, baixo a premisa de que a asistencia ao contribuínte en Campaña é o eixe primordial da mesma.
Entre estes avances ou melloras técnicas debemos destacar a supresión da predeclaración, acometida na Campaña de IRPF de 2018. Este cambio o único que supuxo foi que, unha vez cumprimentado o borrador ou declaración do imposto, se o contribuínte desexaba acudir ao banco a pagar de forma presencial, en vez de imprimir todo o documento, imprimía unicamente o documento de ingreso, pero a declaración xa quedaba presentada nese momento, de xeito que xa non cómpre que as entidades colaboradoras remitan a declaración á Axencia para a súa tramitación.
A organización da Campaña de Renda cobre a demanda xeral de asistencia na formalización, e por suposto, tamén a dos nosos maiores, cos que se ten especial sensibilidade e subscribiuse un protocolo en relación coa asistencia aos mesmos.
En toda evolución existen contratempos, problemas que solucionar e aspectos que mellorar, e niso séguese traballando. O que non deberiamos permitirnos como país é, e confiamos en que non ocorra, a involución dun sistema que funciona. O gran avance de eliminar o papel fai xa unha década, foinos levando a realizar melloras, e ser máis eficientes, buscando sempre o beneficio para os cidadáns, neste caso os contribuíntes, que somos todos.